Primeiros logros do diálogo

Esta semana o diálogo construtivo que o BNG practica en María Pita cristalizou na sinatura dun novo compromiso co PSOE, no marco da comisión de seguimento que ambas forzas decidimos constituír após selarmos o acordo de investidura en xuño pasado.

Este novo compromiso contén sete acordos concretos cuxa materialización contribuiría desde logo a facer unha A Coruña mellor, socialmente máis xusta, economicamente máis próspera (a superar a preocupante desindustrialización actual), con máis zonas verdes e menos cemento, máis feminista e con políticas de conciliación máis avanzadas, cunha presenza crecente da nosa cultura e a nosa lingua.

Algúns destes compromisos terán tradución nos orzamentos para 2020 —e desde logo así o imos esixir nas negociacións que estamos a piques de encetar co PSOE— unhas contas que a cidade precisa ver aprobadas en tempo e forma para estaren xa plenamente operativas no vindeiro mes de xaneiro.

O primeiro deses sete acordos alcanzados na comisión de seguimento é a creación dun Consello Económico e Social. Foi unha proposta do BNG, asumida polo grupo municipal socialista, coa que pretendemos dar satisfacción a unha demanda social que se nos trasladou durante a campaña e que nós partillamos totalmente. A cidade precisa de ferramentas novas para lidar co desmantelamento do seu tecido produtivo. Eis temos a deslocalización das auxiliares de R, a triste liquidación de Isowat, o non resolvido futuro de Alcoa... O Consello Económico e Social que imaxina o BNG non vai ser un clube de debate ou estudo, senón un ente con vocación de se tornar nun axente activo na dinamización da economía da cidade e a comarca. Daí que a súa primeira tarefa vaia ser a da elaboración dun plano de industrialización, imprescindíbel se realmente queremos frear o deterioro do noso tecido produtivo e irmos a un modelo económico de alto valor engadido e empregos de calidade.

Queremos outra economía e queremos unha cidade máis habitábel, máis vivíbel. Por iso acordamos tamén dar un impulso ao Parque da Agra do Orzán. Un impulso non retórico, senón práctico, co inicio de conversas co Estado para que ceda ou permute os terreos do Observatorio. Sen eles non é viábel un parque merecente de tal nome. A edificabilidade deses solares ten que se converter en zonas verdes. Iso é o que acordamos e non pasaremos por menos.

A creacion dun Servizo Municipal de Mediación, para reducir a litixiosidade que afecte a actuacións do concello, é o terceiro dos acordos e tamén responde a unha demanda cidadá, como identicamente acontece coa necesaria mellora, vía incremento das súas partidas orzamentarias, da Casa de Acollida das Vítimas da Violencia Machista. Mellorar estas instalacións, absolutamente desbordadas neste momento, figura no punto 4 dos acordos e é unha cuestión de xustiza e de dignidade elementais para mellorar as condicións de vida das mulleres golpeadas polo terrorismo machista. Completan a listaxe de acordos a potenciación do servizo de canguraxe (punto 5), a elaboración dun plano cuatrienal 2020-2023 para habilitar nos barrios espazos públicos destinados á mocidade (6) e o estabelecimento da semana e da feira do libro (7).

Iso é o que asinamos. No BNG estaremos moi vixiantes para que eses compromisos se convertan en realidade. Son os primeiros logros do diálogo. Polo BNG desde logo non serán os derradeiros.

Primeiros logros do diálogo

Te puede interesar