XUSTIZA E REALIDADE SOCIAL

Coido que é necesario e moi positivo que a xustiza aclare todos os casos de corrupción política, porén non se debe esquecer que detrás desta, a maioría das veces, hai un empresario cobizoso, por iso choca que se lles deixe nun segundo plano. Algo semellante acontece coa fraude fiscal, que rouba uns 88 mil millóns de euros ao erario público, fálase moito del, mais non se poñen medios abondo para eliminalo, máxime tendo en consideración que se concentra nas maiores empresas e grandes fortunas. Non semella tan difícil reducilo e evitar así a rebaixa de servizos e prestacións.
Esta dobre vara de medir parece funcional aos partidos sistémicos, mais tamén á xustiza. Por exemplo, tardou menos dun mes en se realizar o xuízo contra catro persoas que participaron nas mobilizacións contra o desafiuzamento de Aurelia na Coruña, mentres que para un despedimento laboral pasan tres ou catro meses, e para as reclamacións por contías salariais até un ano.
Hai presa para xulgar aos que se opoñen ás inxustizas da globalización neoliberal e preguiza para atender ás vítimas da cobiza e do capitalismo salvaxe. Ademais, estas son demoras que colocan aos traballadores en situación de indefensión, tendo en consideración as altas taxas de desemprego, os baixos salarios e a redución dos aforros familiares por mor da crise.
Fai falla unha revisión a fondo da lei para que sexa máis rigorosa cos delitos económicos de luva branca, aqueles que se cometen dende unha situación de poder, na que polo tanto non cómpre a utilización da violencia física, abonda para este perverso obxectivo coa forza que dá o cargo ou a riqueza. Daquela, non hai democracia se esta se reduce cada vez máis a votar cada catro anos, excluíndo os dereitos económicos, sociais, laborais, culturais e lingüísticos de cada nación.
Non se pode aceptar a aldraxe de que unha familia, por falta de emprego, sexa desafiuzada sen que se lle aporte axiña unha solución digna, dun fogar e traballo. Un goberno que permite estas traxedias non é democrático, e tampouco a xustiza é igualitaria. Unha xustiza que debe executar as leis con imparcialidade e sen ignorar o contexto social.

XUSTIZA E REALIDADE SOCIAL

Te puede interesar