Unha limpeza senta ben

O goberno galego está recibindo nos últimos meses o correctivo do primeiro ano que estiveron no poder. Aquela serie de disparates populistas, electorais e de deriva que caracterizou o comezo político do PPdeG volveuse contra o Executivo en modo de sentenzas xudiciais. O principal erro que tivo Feijóo nos seus comezos en san Caetano foi non darse conta de que estaba na Xunta para dirixir a comunidade e non para estender a campaña electoral en Galicia e Madrid. Malgastar esforzos lexislativos en reducir o anterior bipartito non é máis que esluír o mandato en fotografías e aplausos baleiros.

Fai moi ben a Xunta en deixar estar a lingua así, onde ten que permanecer que non é outro lugar que no ambiente e sacala do proceloso mundo xudicial e das manifestacións rueiras. A fin de contas, á xente, ao corpo electoral ou á sociedade civil, como se chama agora, a lingua está aí e punto, o que de verdade lle interesa é o prezo dos carburantes, a hipoteca, a suba da bombona de butano ou a sanidade. O resto do conxunto da vida política e os debates parlamentarios de se as súas señorías teñen ADSL ou ABS como que dá o mesmo ou igual, porque á única sigla que se coñece é a do IVE e o número e a porcentaxe que a adorna.

Este territorio, vencido e espoliado, ten na crise unha outra oportunidade de renacer, de saír do cemiterio no que leva séculos vivindo e construír unha casa decente, como a que tivo antes de retomar ao camposanto. Itinerario sísifico que persegue aos galaicos de modo eterno. Tampouco é saltar do chamizo ao chalé con piscina, pero si levantar un camiño sólido onde se poida ver o futuro, pero para iso hai que limpar de toxos as beirarrúas nun proxecto común e afastarse do desbrozamento partidista, aínda que para iso haxa que tirar o deixar caer o falsos adornos sustentados no erario galaico.

As grandes empresas que mantiña o franquismo desapareceron cando tiveron que competir sen axudas madrileñas. As que naceron ao amparo da democracia, sufriron unha criba cos sucesivas crises económicas do felipismo socialista. Aínda así, quedaron algunhas e moitas outras se pariron e poucas se fixeron máis fortes sen pedir amparo en san Caetano, que case sempre actuou como o INI galaico actual. Comentábame unha empresaria que levantou a súa industria a base de traballo e créditos que nunca pediu unha subvención a ninguén, nin para contratar parados, que lle parecía disparatado que a Xunta a tivese que rescatar se a súa mala xestión levase a súa empresa á ruína. Poucos emprendedores quedan como ela, preocupada de gañar diñeiro porque dela dependen centos de familias. Si, centos, comezando polo un, non coma outros.

Unha limpeza senta ben

Te puede interesar