Rescate líquido

Desde os altofalantes da capital do Reino todos os anos se apuran a recomendar aos cidadáns que beban litros varios de auga cando o calor faise intenso. Estes avisos para os galaicos soan a parvadas, porque aquí altas temperaturas, si, pero con moderación, que somos austeros até na recepción de luz solar e liquidez temos de sobra todos os días do ano, aínda que de vez en cando sexa preciso alertar á poboación de que non gaste para non aplicarlle o canon acuoso. Sempre me chamou a atención que fosen os nacidos por aquí, pero residentes en Madrid, os maiores consumidores de metros de mangueira para regar a eira do adosado.

Algunhas comunidades xa anunciaron que van acudir ao fondo de rescate habilitado polo Goberno para salvarse da quebra e volver a flotar no líquido da abundancia como se non pasase nada e sen asumir responsabilidades por afogarse nas débedas. Todo parece que será como un castelo de naipes que tirará ao chan o deseño do Estado nacido dunha Constitución que deixou a porta aberta a que houbese unha pseudofederación española.

Non haberá rescate a España por que as mesmas medidas que lle impuxeron a Irlanda, Grecia ou Portugal xa se aplicaron aquí. Xa que os políticos teñen medo á semántica, e iso da intervención soa a fin do mundo, o salvavidas da economía xa está aboiando polas augas levantinas e atlánticas para recuperar o imposible. Ao final, os galaicos terán que pagar os excesos de Camps, aquel gran xestor noutrora, os de Murcia, que os de por aquí nin saben onde está a non ser que lean as bolsas de pementos ou sexan reformados de turismo, e os de Cataluña, comunidade histórica e aliada do BNG até que a bolsa sona e agora reclaman para eles os euros da alta velocidade que se adebedan aos autóctonos.

Non entendo o motivo polo cal o Goberno non actúa xa sobre esas comunidades sen perder tempo e todo queda á espera da recuperación de setembro. O mesmo Executivo que pide celeridade a Bruxelas na aplicación dos acordos da última cimeira europea, deixa ao pairo a esas comunidades que o único que son é un peso morto para a economía estatal que levarán ao fondo a outras autonomías máis serias.

É a oportunidade de desfacerse de comunidades artificiais que nunca deberon existir, xa que foron creadas case que á forza por motivos aínda non ben explicados. Cando a antiga URSS naufragou, enviou telegramas ás repúblicas coa sinxela mensaxe de “xa sodes independentes”. É fácil supoñer que Gorbachov inspirouse en Suárez repartindo autonomías e emancipacións. Os galaicos temos auga de sobra onde flotar, se non non se entende que aínda esteamos aquí, a medio camiño de esluírse entre tablaos e touradas.

 

Rescate líquido

Te puede interesar