Portugués de Macau

Cando se produciu a integración de España e Portugal na Unión Europea moitos empresarios galegos descubriron as potencialidades do mercado luso para facer negocio e algúns, os máis espertos, comprobaron que o país veciño era unha auténtica plataforma para lanzarse ao Brasil sen ter que cruzar o Atlántico.
O certo é que moitos negociantes galaicos chegaron de rebote a Portugal sen coñecer moi ben o mercado, pero aínda así lograron introducirse e crear sucursais alí e non lles quedou máis remedio que aprender o idioma que, para a súa sorpresa, era similar ao galego. Algúns comprobaron horrorizados que os cataláns tamén andaban por terras lusitanas manexándose nas expresións lingüísticas desas terras sen maiores complicacións.
Pero os galaicos non entraban por esas e aparecían nas mesas de negociacións coa chulería castelán de superioridade falsa e así fracasaron non intentos de buscar socios en territorio lusitano, por descoñecemento do máis mínimo. Recordo unha vez que recibín unha chamada telefónica dun individuo que se chamaba empresario, naquela época en que ser negociante era o máis que ter catro doutoramentos, aínda que non se fose máis que un tendeiro que contaba o diñeiro da caixa ao finalizar a xornada.
Este elemento andaba por alén do Miño intentando buscar socios para un asunto que segundo el tiña boas perspectivas na Lusitania, pero necesitaba algo de información que non achaba e que, como puidera coñecer, se encontraba impresa no Diario da República.
Así que sen pensalo dúas veces lanzouse polos quiosques de Porto á captura do famoso xornal, pero tras varias negativas viuse desilusionado na súa busca e aí foi onde se decidiu a realizar a chamada telefónica á miña persoa para que lle dese puntual razón de onde adquirir tal diario. O entusiasta conquistador empresarial do país veciño veuse nunha depresión cando lle comuniquei que o tal medio impreso no era outra cousa máis que o que por aquí coñecemos como Diario Oficial de Galicia, e na Lusitania como na Gallaecia non é habitual que se venda nos postos de prensa e que para a súa consultan convén ir a bibliotecas ou a organismos gobernamentais.
O negocio deste paspallás non foi a bo porto, porque aínda sendo galego o máis que coñecía de Portugal eran restaurantes escondidos que preparaban un bo bacallau e pouco máis, nin sequera se manexaba nas taxas e xuros do país.
Agora o Parlamento galego aprobou que se considere ao portugués un idioma preferente no ensino, iniciativa que chega tarde, pero a tempo. E xa que o chinés está de moda entre os friquis, a poucas millas das costas de Hong Kong está Macau onde se fala galego de por alí sen empregar garabatos ao escribir, pero isto non o sabe niguén.

Portugués de Macau

Te puede interesar