OUTONO AXITADO E UNHA INTERROGANTE

Coa chegada do outono a traxedia da Unión Europea, por mor da teimosía neoliberal dos grandes grupos económicos dominantes, entra nunha nova fase de maior tensión no económico, político e social. O case que seguro resgate do Estado español, as medidas impostas para efectivizar o segundo resgate de Grecia e a debacle de Portugal, así como o debate entre estados sobre un sistema federal ou manter o modelo actual, mesmo recuando no tema do euro, son temas que axitan as augas xa revoltas da antes considerada berce da democracia e o espello do benestar social.

Esta última valoración era demasiado ambiciosa, máxime cando hai tempo que as clases dominantes do continente apostan por dislocar a produción, pola especulación, e almacenar beneficios nos paraísos fiscais.

Ademais da agudización das contradicións no ámbito económico e político entre a alta burguesía dos diversos estados, tanto no marco da Unión Europea como do mundo, o movemento de contestación social non deveceu senón que medrou despois do vran. Só na última quincena: fixéronse folgas xerais o día 26 en Grecia e Euskadi; do sector público ao día seguinte en Italia; grandes manifestacións en Portugal o pasado día 15 e a convocatoria pola CGTP dunha marcha nacional en Lisboa o 29; e a concentración en Madrid o pasado 25 de setembro, que foi duramente reprimida.

Galiza non foi unha excepción neste auxe das demostracións do descontente social e laboral: manifestacións e concentracións do naval, de gandeiros, do sector público, contra a reforma da lei de aborto, mobilizacións da CIG contra as políticas neoliberais e desgaleguizadoras de Feijóo. Todo indica que a protesta social cada vez é mais ampla e consistente en todos os países do sur da UE, e moi especialmente en Portugal e o Estado español.

A pregunta é, no caso galego, cando a presión social obrigará a CCOO e UGT a convocar coa CIG unha folga xeral no marco dunha campaña ampla e consistente a prol do emprego, na defensa dos dereitos laborais e da economía nacional. Para alén desta interrogante pódese afirmar que teremos un outono-inverno axitado.

OUTONO AXITADO E UNHA INTERROGANTE

Te puede interesar