Ocasións perdidas

Aconsello que se aproveiten as fins de semana para viaxar polo territorio galaico, sempre que o prezo do carburante o permita, para contemplar o que é un espazo vital botado a perder, espoliado de recursos e camiño de ser ermo de futuro. Aínda así, entre quilómetro e quilómetro, aparecen, como broma, pobos fantasma dos que sabiamos que existían polas súas exaltacións gastronómicas, pero que unha vez visitados non son máis que casas arrimadas e con pouco máis que o alcalde e concelleiros censados. Con todo, só lles falta un porto exterior, para os concellos litorais, ou unha universidade ou aeroporto, se son do interior, porque do resto teñen de sobra, algúns con auditorios tan grandes que só os catro veciños que asisten van acompañados de audioguías.

Se seguimos a viaxe infernal, chegaremos a outros termos municipais que no seu día foron centro de dinamización económica, como se di agora, e que nas últimas décadas sobre desemprego, abandono e só son noticias por manifestacións reivindicativas e derrubamentos de edificios, que non son máis que un símbolo dunha área que colapsa por non ter ben colocados os alicerces ou estar levantada sobre fume.

Case que todo o sistema económico de Galicia está erixido sobre eses dous piares: fume e nada, mentres que polo medio ha outro sistema que funciona debido á máxima de que ten que haber de todo neste mundo para funcione segundo o movemento pendular ou as leis de gravitación universal.

Estas son algunhas das reflexións que se escoitan na área de Ferrolterra sobre o sector naval, que arrastra a toda á economía da zona. Xa se dá por perdido o dique flotante e se dubida dos buques para Pemex. O curioso desta desconfianza non vén polo case silencio administrativo desde a Xunta ou o Goberno, senón de que se trate dunha petroleira estatal dun país que non ofrece grandes garantías de seriedade e sementa certas sospeitas que habendo centos de compañías multinacionais de hidrocarburos, algunha españolas, se argallen uns contratos cunha empresa que era descoñecida por estes pagos até hai uns meses.

Se os últimos escándalos da corrupción minguaron a marca España, non sei onde estará a marca México, país do cal tamén estaba anunciado o desembarco como investidores en Novagalicia de multimillonarios de orixe galaica. O único que aconsello ao goberno correspondente é que envíe a Luis Bárcenas alá para solucionar a contratación inmediata dos buques hotel.

A fin de contas a corrupción é unha doenza tolerada polo conxunto da cidadanía sempre que salpique, así que todos contentos se o extesoureiro se queda con outros millóns mentres traia para aquí o compromiso dos artefactos navais. Dentro de dez meses ou anos ninguén se acordará del e todos volveremos a ser felices.

Ocasións perdidas

Te puede interesar