O “SER EN” DE ALFONSO COSTA

Na percura da razón de Ser anda Alfonso Costa dende os inicios da súa andadura humana e plástica e a súa poderosa man debuxa formas que son como sopros esvaescéndose no aberto e inmenso espacio, transformándose, mentres viaxan, en doentes preguntas, en luminosas danzas, en estalidos de craridade ou, as veces, en enigmáticas sombras con acenos de Esfinge tebana, tras das cales segue a estar agochado e indescifrable o arcano dos arcanos, “o lume chamando ás sombras”- como dí él, en fermoso verso.

Así, agora, esta mostra en Moretart, que ven tras de “Anatomía do silencio”, do 2009, déixanos de novo abeirados do misterioso límite que –no cadro “ Ser en”– se abre en arco de luz sobre as avoltas e escuras augas do caos; alí érguese a silueta negra dunha heideggeriana criatura, apenas cinza humanizada, risco ou monicreque verticalizado na terra da extrañeza; pois existir consiste –como diría Heidegger– en ser-ahí (Dasein), en estar ahí guindado no mundo e suxeito á temporalidade.

Toda a pintura de Alfonso, pese o seu luxo e fervenza de danzantes masas, de variados pigmentos, de atrevidas manchas, de ricos contrastes, de cores múltiples, de polimorfismos riquísimos, non apela á sensualidade da ollada, senon á metafísica do pensamento a aínda máis á poética do surreal, entendendo esto como o que está máis alá ou por enriza ou debaixo do real, aínda que, de vez, en cando, goste de denunciar as falcatruadas que cometemos contra o noso fráxil ser, tal ocorre co terrible “Alf”, que semella un mecanizado guerreiro apocalíptico, ou con “Fukushima, o tremor da conciencia”.

Sempre está, polo tanto, con un pé na terra, pero o outro camiña cara o alén e busca as lévedas e transparentes dimensións, traspasadas de aire. Así, hai un predominio, como ocorre en “Primavera”, en “Pas de deux” ou en “Miríadas”, das formas aboiantes, inestabeis, entre o ser e a súa disolución ou entre o nacimento e a morte; crianzas do tempo e, polo mesmo, pasaxeiras, perfectamente ejemplificadas, na obra “Raiz nacente”, onde o gromiño de vida deixa un rastro ou ronsel que vai da sombra á luz ou viceversa. O ser comporta dinamismo, xiro espiral; este facerse e desfacerse, este móvil intercambio de enerxías que pasan e masas que se esfarelan, este continuo ir e vir, que resumen, de xeito magistral, os versos de Eva Veiga:

“Ser en /ti / puro instante/ que expira e abre/ a un tempo / a flor do mundo”.

O “SER EN” DE ALFONSO COSTA

Te puede interesar