O MISTERIO DO VALEDOR

Non se entende moi ben por que este valedor sempre se pon do lado dos gobernos e nunca a favor do pobo. A verdade é que xa parece un misterio, deses que hai que explicar mediante órbitas de planetas e aproximación lunar ou polo influxo da fumigación dos eucaliptos. Cada vez que Benigno López se pon a defender á cidadanía galaica, sae unha condena ao conxunto demográfico dos seres que transitan pola biosfera autóctona.

O seu papel institucional non se corresponde coas queixas que lle presentan os cidadáns. Na súa última comparecencia para informar da súa actividade o ano pasado sentiuse conmovido polas demandas que lle pedían os máis desfavorecidos, pero en vez de prometer axuda deu a entender que lles dixo: “Coleguis é o que hai, así que aguantar e esperar que non nos veñan mal dadas, que todos estamos amolados”, mentres lles daba a man e os acompañaba á porta de saída do seu despecho.

Vai o valedor galaico é di que a conxuntura está tan mal que os máis necesitados teñen que resignarse

 

Xa é complicado de entender para que serve un valedor do pobo, como é difícil de crer que a xente presente as súas queixas a esta institución e non vaia directamente a unha oficina de consumo ou pida o libro de reclamacións.

Aínda así, suponse que o cargo está para velar pola defensa dos cidadáns e dos seus intereses ante o que se supón que vai máis alá dunha queixa pola compra dun pantalón defectuoso ou unha lavadora que non dá voltas.

Se a quen ten que velar por alixeirar o peso da lexislación sobre os cidadáns lle parece ben que os axustes, recortes ou reformas se fagan, aínda que leve á indixencia aos máis pobres, mellor será que os galaicos busquemos axuda nunha organización caritativa cando nos sintamos esmagados polo peso da Administración local, autonómica e estatal.

Non estaría de máis que algún grupo do Parlamento, calquera dos que votaron por el na súa elección, lle aclarase a Benigno López que a Lei da Dependencia non naceu morta, senón que non houbo tempo de desenvolvela, nin sequera nos niveis de máxima necesidade, pero que hai galegos que necesitan de axuda e moitos máis que haberá no futuro a quen lles tocará malvivir.

Cando até os analistas dos bancos famosos pola súa voracidade de diñeiro proclaman que se están perdendo dúas xeracións pola crise económica, o noso valedor parece que anima á xente a emigrar, sufrir e calar. Non é así.

Ninguén dubida de que a situación actual merece medidas drásticas e dolorosas, pero hai que dar á xente ilusión. Así que o mesmo día que o ministro De Guindos falaba de raios de esperanza, anos máis tarde dos brotes verdes, e o presidente Núñez Feijóo se animaba a impulsar o crecemento demográfico no territorio, vai o valedor galaico é di que a conxuntura está tan mal que os máis necesitados teñen que resignarse.

O MISTERIO DO VALEDOR

Te puede interesar