O FMI non predica no deserto

Aúltima receita do FMI para saír da crise é que se rebaixen máis os salarios e cotizacións, e abaraten os despedimentos. Non é unha novidade, entronca coa postura que mantén historicamente este organismo, a mesma que alentou hai unha década unha longa recesión na  América Latina. Chama a atención que se fagan estas recomendacións cando hai un mes o xefe económico do FMI recoñecía que as medidas de austeridade foron un fracaso en Grecia. Semellaba que encetaba un cambio de rumbo, aínda que, dados os intereses que representa o organismo internacional, non se podía esperar que fosen importantes. Non foi así, e o Fundo reafírmase na súa teimosa política de aproveitar a crise para facer un axuste entre clases sociais e entre países, dando folgos á lei da selva.
Malia que o Goberno español, con Rajoy á fronte, di que non cómpren novas medidas regresivas, non demorará moito en aplicalas, como xa fixo outras veces, porque en definitiva o FMI coincide coas demandas da gran patronal española. Para esta, non se trata só de saír dos números vermellos senón asemade que o axuste permita acrecentar a concentración e centralización da riqueza e do poder. Por iso reclama novas medidas en sintonía co FMI, malia que o último ano os salarios baixaron un 5,2%, e as rendas do capital gañaron 3 puntos en relación ao PIB. Na Galiza a queda dos salarios foi do 6% e en Madrid do 2%.
Se temos en consideración as declaracións do FMI, da Comisión Europea, e do propio Goberno español, podemos afirmar que normalmente serven para contentar a todos, tanto aos que esixen baixos salarios e menores prestacións públicas, como aos que piden medidas contra o desemprego e a prol do crecemento. Son pura propaganda, leria da máis barata. Porén se temos en consideración a práctica, o que realmente se fai, comprobamos que se aplican coa máxima rigorosidade políticas que transfiren os custes da crise (axuste) ás clases populares e aos territorios do Estado politicamente máis débiles, como Galiza. Mentres tanto a Xunta procura o equilibrio fiscal rebaixando prestacións e aumentando a débeda pública, e considera que as condicións laborais non van con ela.

O FMI non predica no deserto

Te puede interesar