MERCEDES

Véxoa no Empedrón dos anos cincuenta, con aquela voz doce e a ollada tan clara que viñeran con ela do seu Pontedeume natal. Casara con Elisardo Foira, da Fundición, así, en maiúscula, máis gloriosa en moitos quilómetros ao redor, e podo velos na lembranza do Camiño Vello, talvez ao redor da fogueira de San Xoán, cando a cativallada mirabamos abraiados para aqueles lumes que facían por chegar ao ceo de Xuvia. Cando Xuvia era un mundo pequeno pero grande, e a estrada viña beireada por plátanos de paseo cunha franxa pintada de branco, e no Hispano-Argentino había sillóns de vimbio baixo da parra e bailes ao serán cun gramófono que tocaba “Volver”.

Como eu volvo agora a Mercedes Ares, cando sei que xa non está, pero está, e recordo cando fora vela á súa casa de Narón, e aínda tiña aquel loro gris, deses de Guiné que tanto falan, palabróns ben épicos mais tamén cousas tenras como nun bolero, e aínda lle fixera eu unhas chistadas ao “lorito real” como dicían os antergos. E Mercedes, voz docísima, chamoume hai uns anos por non sei que “miudiño” que lle adicara un 24 de setembro, Día da Mercé, naturalmente.

Agradecida Mercedes, con xentileza eumesa, e nesa voz que me traía o fío telefónico alá que viña toda a miña nenez no Empedrón, no Portazgo de Xuvia. Foisenos Mercedes. E con ela parte grande da nosa vida, feita de retallos de lembranzas. Para ela a miña flor máis sentida. E para Lisardo, Mercedes, Fonso, Ana o meu cariño grande.

MERCEDES

Te puede interesar