Ideario de camiseta

Ohistórico líder do nacionalismo galego, frase oficial para referirse a Xosé Manuel Beiras, levanta paixóns entre un nutrido grupo de xente nova que, como se dicía antes, “fica abraiada” pola capacidade dialéctica do doutor. Aos que temos algo de memoria, a verdade é que non achega nada novo nas súas proclamas. Penso que simplemente repite os antigos discursos, palabra por palabra, que realizaba na época na que se batía con Manuel Fraga. Sipaio, papahostias… e outras tantas, que agora producen pasmo entre os novos electores, pero antes xa eran parte da súa indumentaria.
Na última campaña electoral do histórico dirixente na fronte da fronte non superou as expectativas, o famoso teito de votantes, e o triste Touriño, aburrido como a carta de axuste, superouno, non por ideas do socialista, algo discutible que as tivese, senón polo fastío das repetitivas soflamas de Beiras sumadas ao desencanto pola súa presenza da UPG, que tamén lle fixo campaña en contra.
Este novo grupo de Beiras, coligado coa internacional, terá a proba nas eleccións europeas, onde terá por lóxica que aliarse con alguén. Non sabemos se cos comunistas actuais, os kosovares de Kosovo ou coa alianza independentista de Puebla de Sanabria. Aínda que outro tanto lle pasará aos antigos camaradas do Bloque, de tal modo que os nacionalistas galaicos quedarán como o asno de Buridán, entre ir a tomar o sol á praia, se o tempo acompaña, ou quedar na casa.
Nesta preasemblea que tiveron os de Anova víronse caras novas, mesturadas coas de toda a vida, que recordaban antigas reunións do Bloque no seu momento máis esplendoroso, cando o despacho de San Caetano estaba a tiro de pedra. Porén antes había ideoloxía, pero agora non se ve nin se lle espera e o seu ideario en vez de estar escrito en papeis, os famosos documentos de Beiras, tan dado el a verter en prosa as súas propostas, aparece agora en serigrafía, en camisetas XXL, para pór por riba do xersei, onde se van lendo os puntos do pensamento dos irmandiños.
Como un eco do pasado, case todo o ideario estampado comeza pola partícula negativa non seguida de consignas peregrinas nas que se mesturan os desafiuzamentos coa reivindicación de wifi gratis pasado por outras reivindicativas do botellón como o famoso viva cuba libre. Hai que recoñecer que a industria da serigrafía en camisetas de algodón está fuxindo da crise con estes novos grupos contestatarios. Aí hai un nicho de emprego, calquera día aparece unha orde no DOG considerando a venta de proclamas pintadas en roupa como un sector estratéxico que merece unha axuda de Sodiga ou do Igape. Até o Bloque parlamentario se sumou ao asunto e deixan o traxe e gravata na casa para asistir de guais ao Hórreo en pantalón corto e chinelos. Todo sexa polos votos.

Ideario de camiseta

Te puede interesar