Feijóo muda de táctica

Non tería que chamar a atención que o presidente da Galiza dirixa o discurso de fin de ano dende a casa da máis grande poeta do país, Rosalía de Castro, e que noutras ocasións mencione o pensamento político do senlleiro patriota Daniel R. Castelao. Porén neste caso manca, porque se utiliza por parte de quen alenta acotío todo o contrario do que defenderon estas egrexias personalidades.

Lembremos, que despois dálle prioridade ao castelán en detrimento do galego no ensino e rebaixa ao mínimo as achegas á difusión da lingua propia. Agora, en momentos simbólicos, arroupase co disfrace de Asterix e pretende ser un máis na defensa de Armórica. En resumo, semella que todo vale para gañar complicidade social. Mesmo reinterpreta o pensamento político de Castelao, esquecendo a súa postura irredutíbel a prol da lingua e cultura de Galiza e da recuperación da soberanía.

Pode que a moitos lles chame a atención que esta demostración de “galeguismo” se produza a poucos meses de que gañara unhas eleccións por maioría absoluta. Porén non se debe esquecer que a contestación social alárgase a medida que pasa o tempo, sen que o Goberno central nen a Xunta tomen as medidas axeitadas para lle por remedio á desfeita económica. Daquela, a prepotencia e a ideoloxía van deixando lugar a evitar por todos os medios aumentar a tensión.

Sabe que non abonda con maiorías parlamentares, nun escenario tan complexo, no que un misto pode prender a mecha. Considero que non se trata polo tanto dunha mudanza de obxectivos, só de non acelerar tanto nalgúns temas, mentres se avanza noutros que neste intre teñen dende a óptica da dereita maior prioridade, máxime cando ademais condicionan de maneira decisiva ao conxunto, como poden ser o sector financeiro, os servizos e prestacións públicas.

Axudan a recrear a confusión, sobre os obxectivos de cada forza, institucións que debían ser referente na defensa da lingua e identidade nacional galega, hoxe engaioladas na dependencia económica da Xunta. Isto tamén necesita dun debate. En todo caso, esta preocupación, amosa a debilidade de Feijóo, que hai uns meses, con arrogancia, daba todo por solucionado.

Feijóo muda de táctica

Te puede interesar