UNHA ESTRELA POR GUÍA

 Acordaron na Academia Galega, a RAG, dedicarlle as letras galegas do próximo ano a Manuel María. E acordaron ben. Atinaron de pleno. Con certeza, ningún outro autor ou autora pode simbolizar mellor a icona do centenario das Irmandades da Fala que tamén serán conmemoradas en 2016. Aínda así, Xela Arias ou Carballo Calero tamén son acredores do recoñecemento e dunha futura honra. No caso do último citado, xa se fai demorar, xa. Porén, o autor de “Muiñeiro de brétema” foi alternativa invencible. Coma autor literario, non pode ficar reducido a etiqueta do poeta que inaugurou a Escola da Tebra. É moito máis, ten unha obra moi ampla e diversa e, polo tanto, atractiva para que todo o mundo poda identificarse nela. Ademais de poeta é notábel narrador, dramaturgo, articulista de prensa con obra extensa ao tempo que ensaísta. En certo modo é un escrito total, ese modelo que lembra á xente do Renacemento. A temática que el abordou é, tamén, plural e diversa. Marcada polo compromiso cívico e a militancia patriótica coa causa do País que defende con teimosía e devoción laica, con énfase a favor do patrimonio idiomático que herdamos dos devanceiros e que debemos preservar para entregar, normalizado no uso, ás futuras xeracións. Porén, resultando un humanista, no amplo abano do tal concepto, a súa obra abrangue todo o que atinxe á persoa, sexa no ámbito individual ou colectivo, e nela están tratados aspectos da relación afectiva ou amorosa, respecto polo medio ambiente natural; e, marcadamente, do espazo dun territorio concreto, a Terra Cha, e a súa comunidade humana formada por xentes unidas por unha identidade cultural, lingüística e social. O fillo sobranceiro de Outeiro de Rei, localidade na que hoxe en día está a familiar Casa das Hortas convertida en museo e centro social da Fundación que foi consagrada á súa memoria e para xestión do legado literario persoal, é recordado por ese labor de voluntariado cultural que o levou a unha intensa participación no tecido asociativo espallado pola xeografía galega, ata o máis distante dos currunchos. É, por iso, que ningún outro autor, xa morto, goza da popularidade do chairego á hora de recuperar o prestixio social dunha celebración literaria e cultural básica para o idioma propio. Non podía ser máis certeiro, neste senso, o título do disco homenaxe que gravou Milladoiro con poemas seus: Unha Estrela por Guía. Iso é Manuel María.

UNHA ESTRELA POR GUÍA

Te puede interesar