É mellor calar

Feijóo non estivo atinado ao anunciar una comisión de investigación sobre o nacemento e desastre das caixas. Debeuse manter á espera de saber como ía evolucionando a inxección de capital na entidade para non entorpecer o proceso de captación de diñeiro. José María Castellano e César González-Bueno Mayer Von Wittgenstein van terse que aplicar en corpo e alma a explicarlle aos millonarios galaicos dispersos polo mundo que Novagalicia é viable a pouco que recolla uns miles de millóns.

É fácil imaxinar aos deputados interrogando a un ex directivo dunha caixa onde gastou este millón ou por que era posuidor dun préstamo a xuro cero. Iso é o que vai transcender aos resignados galegos e non se saberá nada do modo no cal xestionaron a contabilidade da caixa, que máis que un servizo público era unha tenda particular onde ao final do día os comandantes abrían o caixón e extraían diñeiro para as súas necesidades e repartían uns pesos para espallar a felicidade e que todos lles risen as grazas.

Á vista de como o conglomerado de Bankia evolucionou até valer menos que nada, hai que esperar que a cifra negativa do banco galego, nacido das caixas, sexa de dimensións siderais. Todo fai pensar que o Goberno galego xa dá por perdida a entidade e busca pasear aos culpables polo Parlamento. Xa hai quen se prepara para a liquidación da entidade porque ninguén está disposto a meter euros nun negocio que acabará desaparecendo en breve, como fai supoñer a reacción da Xunta nos últimos días.

Moito terán que explicar aqueles heroes da economía que morreron matando ao colocar aos pobres aforradores participacións preferentes antes de fuxir con indemnizacións millonarias ou lanzarse a investimentos en Suramerica, como se nada houbese pasado. Non sei como xustificarán aos galegos que levasen os seus cartos para Valencia ou os depositasen en aventuras turísticas.

Un consolo queda para os galaicos: o de morrer na casa e non nun tanatorio madrileño. Se Novagalicia desaparece por aquí sempre me parecerá mellor que facelo esluída nun rebumbio de entidades do Reino, dirixida por directivos que o único que coñecen deste territorio son os crustáceos e a muiñeira. A comisión de investigación vai ser a acta de defunción do banco galego e esta comunidade quedará como a única das históricas sen un grupo financeiro propio. Se xa non é mellor calar, que saia todo ao aire desde os paseos en barco para ler a prensa até as viaxes en bicicleta costa abaixo, con escolta e con coche escoba para subir e regresar á piscina.

 

É mellor calar

Te puede interesar