DEUS NOS LIBRE DUN XA FOI

Hugo Chávez é desa caste de personaxes que non deixa ninguén indiferente, pois que as opinións adoitan ser de condena ou de adhesión inquebrantábel Mais dende Galicia haberíamos tentar unha visión desapaixoada e obxectiva, no canto de nos aliñar na ringleira dos “vivas” e “mueras”.

Non é certo que Chávez fose un ditador, porque o réxime venezuelano segue a respectar as regras democráticas. Chávez perdeu un referendo constitucional e gañou as últimas eleccións fronte ao candidato opositor e renovador Capriles, como recoñeceu o Centro Carter. A liberdade de expresión, sobre todo a antichavista, está garantida: máis do 90% da audiencia televisiva pertence a grupos privados hostís ao Goberno.

Chávez mellorou as condicións da cidadanía venezuelana menos favorecida. Dende 1998 até 2011 a pobreza baixou do 50% ao 31% e Venezuela constitúe xa a sociedade latinoamericana con menos diferenzas de renda entre ricos e pobres. Tamén é verdade que este labor foi favorecido pola elevadísima suba do prezo do petróleo até o extremo de poder concluir que foi a burbulla petroleira a que financiou as melloras sociais, que corren grave risco de desaparecer cando se pinche esta burbulla.

Este maná petroleiro determinou tamén altos níveis de corrupción, nomeadamente residenciados nos altos cargos do Exército, nova elite venezuelana. Por outra banda, a industria e a distribución comercial sofriron unha contracción importante que determinou o empobrecemento de milleiros de galegos emprendedores. O chavismo tampouco foi quén de amañar os altísimos níveis de inseguranza de Caracas.

Sen a conxuntura favorábel do petróleo os éxitos sanitarios, educativos e sociais do chavismo non serían os que son. Mais hai que lle recoñecer a Chávez que foi quen de manter en democracia a adhesión popular ao seu proxecto. Un proxecto de construción dun socialismo á hispana, populista e caudillista, que é referente para moitos millóns de cidadáns iberoamericanos. Malia que a moitos de nós non nos seduza para o noso país.

DEUS NOS LIBRE DUN XA FOI

Te puede interesar