Da fantasía á realidade

Na sede de Novacaixagalicia ofrécese a mostra “Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936”, comisariada por José M. García Iglesias, na que se recolle unha escolma bastante representativa da pintura feita en Galicia ao longo deses cen anos, que nos levan dende a sensibilidade romántica ata o postimpresionismo.

Obras de Villaamil, de Avendaño, de 0vidio Murguía, de Sotomayor, de Llorens, de Maside, de Bello Piñeiro, de Julia Minguillón…, entre un total de 25, exemplifican ampliamente o gran nivel acadado polos pinceis dos nosos artistas e tamén a presenza dun especial sentir, sobre todo no tratamento da paisaxe. Tres son os eixos temáticos da mostra: a terra, a xente, a vida e, con certas excepcións, pódese afirmar que a gran protagonista é Galicia: pobos, como Noia e Betanzos; rías, como a do Burgo; lugares, como Estribela ou Esgos; estradas, como a do Seixo ou a da Coruña; ríos, costas, casales, mariñeiros, campesinos, lavandeiras, emigrantes… pasan por estes cadros deixando un eco de saudades e de tempos idos. O esplendor e o acougo dunha naturaza incontaminada pódese enxergar na obra Río en outono, de Bello Piñeiro, en Paisaxe con casa e barcos de S. Avendaño ou en Estrada da Coruña de LLorens; a paz eglógica das nosas aldeas é salientable en Vista dunha rúa no lugar da Estribela de Alfredo Souto ou en A casa do labrego, de Llorens; o traballo, os costumes aparecen nos dous espléndidos frisos de Carlos Sobrino: Tríptico campestre e Tríptico mariñeiro que son un monumento á épica da vida diaria dos humildes; e, pola súa parte, Castelao deixa tamén testemuña desa outra épica tan nosa: a da emigración, coas súas dúas caras: a do mozo que sae da súa casa para sempre e a do indiano que volta convertido en un tipo caricaturesco.

Nas antípodas desta visión arcaica están as refinadas obras de Sotomayor, en especial a marabillosa Dona lendo a carón dunha fiestra, que se pode parangonar pola súa delicadeza e tratamento dos matices da luz cos interiores da pintura holandesa e hai, seméllanos, un claro influxo de Vermeer. Un cado que impacta especialmente é Paisaxe invernal, de Ovidio Murguía, pintado mui pouco antes do seu pasamento, e que revela, nas tonalidades plúmbeas do ceo, nas gamas escuras dos grises que poderían ser envexados por Cossío, un lirismo de fonda melancolía, unha chamada do alén. O tópico de que Galicia non é, ou non foi, terra de pintores queda aquí desfeito.

Da fantasía á realidade

Te puede interesar