BÚSCASE CULPABLE

Xa se sabe a cantata que vocean os partidos políticos após cada elección, que vén sendo que todos gañaron. No caso dos últimos comicios galaicos, só o PPdeG, os do Bloque e os socialistas perderon votos, o resto, incluídos os oportunistas, subiron en sufraxios, até a Falanxe, que parece que tamén se presentaba. Os populares, desde a maioría matemática de la lei de reparto, poden pasar de todo e non facer análise ningún da súa caída de votos. Porén, os socialistas e nacionalistas do Bloque teñen que reflexionar, como din eles.

Entre tanto análise interno, os supostos colegas de Pachi xa piden a cabeza do secretario xeral sen que ninguén saiba o motivo de tal demanda. Por exemplo, dous dos grandes opositores ao médico do Carballiño levan meses co coitelo entre os dentes –unha frase real– á espera de que se despenase antes e despois das eleccións. Ningunha novidade. O curioso é que estes dous xefes socialistas locais, con mando nos seus concellos e agrupacións locais, que non son anónimos entusiastas ou simpatizantes do Pablo Iglesias, caeron a chumbo onde supostamente eran a grande esperanza. Queren ser salvadores, pero están sen salvavidas no medio do Atlántico.

O caso do Bloque é outra historia. Estivo Guillerme Vázquez catro anos percorrendo concellos, feiras, asembleas, camiños, montes, incendios outros sucesos públicos e uns meses antes das eleccións aparece Francisco Jorquera como candidato, só porque saía de vez en cando no parte da televisión do Reino. Non se entende que se tirasen anos de traballo in situ por non se sabe que motivo. O máis doado é culpar aos disidentes dos nacionalistas de esquerdas, matiz que no hai que esquecer, pero o principal insurxente das filas permaneceu fiel á disciplina, aínda que tivo que pagar co seu exilio a outra provincia, onde nin sequera era coñecido.

Veñen catro anos interesantes de actividade parlamentaria, onde o vencedor das eleccións, Beiras, terá ocasión de lucirse de novo. Unha cousa hai que recoñecerlle, que será o máis capacitado intelectualmente, pero a súa política seguirá sendo un misterio, como cando era o xefe de filas do Bloque no Hórreo e todos son apostas a ver o tempo que dura ese matrimonio concertado cos comunistas.

Todo se andará. Pachi é moito Pachi, pero acabará pasando consulta nun centro de saúde, talvez no mesmo que Guillerme e até é posible que coincidan con Anxo Quintana e Corina Porro. Outros non terán tanta sorte e acabarán nas listas de desemprego agora que non hai consellos de administración das caixas de aforros e as próximas eleccións quedan moi lonxe e hai que pagar facturas todos os meses. Mentres tanto, segue a busca do culpable, dun só, pero en realidade hai moitos e moitas, aquí si que vén ben a diferenza por sexo.

BÚSCASE CULPABLE

Te puede interesar