A TOGA BÓTASE Á RÚA

Coido que nunca antes no Estado español e na Galiza os avogados, procuradores, e persoal xudicial en xeral saíu como nesta ocasión a manifestarse na rúa, por certo, de xeito masivo, para rexeitar a Lei de taxas xudiciais que está preparando o PP, de costas ao sector e á sociedade. Tamén foron numerosos os xuíces e maxistrados que fixeron pública a súa oposición.

O carácter reaccionario da reforma de Ruiz Gallardón ten a virtude de unir colectivos que normalmente van por libre nas súas reivindicacións, así como a todos os sindicatos do sector, que representan un abano do máis heteroxéneo nas súas sintonías políticas. As mobilizacións teñen como obxectivo, segundo os convocantes, “darlle a todas as persoas as mesmas posibilidades diante da Lei”.

Un aspecto fundamental, aínda recoñecendo que as leis e procedemento actual non cumpren ese obxectivo axeitadamente, polo que sería moi grave engadir novos atrancos e eivas. Sobre estes atrancos, poñen como exemplo, que unha persoa que teña uns ingresos de 1.200 euros e queira recurrir unha multa de tráfico de 300 terá que pagar 200 euros en taxas.

Estas medidas no ámbito da xustiza non se poden analizar illadas daquelas que se están a tomar no eido da economía, das prestacións esenciais, das relacións laborais, na recentralización do Estado, ou en todo o relativo a debilitar as organizacións sindicais e sociais. Estamos diante dun proceso de reaxuste das clases dominantes da Unión Europea que é consubstancial coa globalización neoliberal, onde a meta é competir rebaixando condicións de vida das maiorías para manter e optimizar os lucros obtidos por parte da alta burguesía.

Na globalización o exemplo económico-laboral é China, mañá serán a India ou Nixeria, o que marca un cambio transcendental nos referentes do capitalismo posterior á Segunda Guerra Mundial. Lembremos que até hai dúas décadas estes eran Suecia, Suíza ou Dinamarca. En resumo: o problema é a globalización, o capitalismo como sistema esgotado. O das taxas é unha ferida máis, que hai que atallar, porén o enfermo ten que saber que así non se elimina o cancro.

A TOGA BÓTASE Á RÚA

Te puede interesar