ALBERT NOBBS

Nos últimos tempos, e vexo cine con moita frecuencia, esta é a película que máis me chamou a atención. E non soamente por Glen Close, claro, que está que se sae. (Que se lle saen as tetas no momento de compartir cama con Mister Page, que marabilla a actriz que interpreta a este, revelando que é femia).

A de Glen Close é unha intervención bárbara. Si, xa sei que o papel de “travelo” (ou de borracho, ou de louco) é moi agradecido. E aínda así. O desta dona é moito. Facendo de home miúdo, humilde, calado, a velas vir. E recoller propinas para cando dea montado ese estanco que anseia rexir coa muller con quen pensa casar. Un magnífico “imbroglio” para unha actriz de primeira.

Ah, mais a película de Rodrigo García (¡que cousas boas fai seu pai, don Gabo García Márquez!) é un portento de beleza, de moi boa feitura no guión (polo medio anda o meu novelista irlandés actual favorito, John Banville), de atmósfera radical e comprida: a da Irlanda en mans inglesas aínda, e por riba baixo da férula da raíña Victoria.

Todo isto para abeirar unha historia de amores (e frustracións e dipsomanías) nun clima xélido. Xa digo, é a mellor película das que vin ultimamente. E fun a ela con prevencións diante de Glen Close. ¡Fóra con elas! Estamos diante dun monumento de actriz. Dunha dona total. Non deixen que lla conten. Vaian vela e logo falamos.

ALBERT NOBBS

Te puede interesar