Tratado de botánica aplicada de Gómez-Chao

Tras as súas últimas exposicións: “Nocturnia e o corazón do bosque”, “A atracción do abismo” e “Sete Penélopes”, o artista Xurxo Gómez-Chao (A Coruña ,1960) trae a Moretart o seu “Tratado de botánica aplicada”, que ven sendo o resultado dun proceso de afinamento e de percura da esencialidade visual para falar daquelo que sustancialmente o motiva: a natureza e a vida, co seu corolario engadido: a beleza, a transitoriedade, o tempo e a morte.

Tamén fala da continua metamorfose das formas e faino por medio de composicións florais e de refugallos de folliñas, de pétalos murchos, de ramalliños secos que organiza en composicións  lenes, lixeiras, que semellan aboiar no espazo, ceibes, sen posible vincallo, tal como o fan os pensamentos.

Abunda así nun simbolismo do pasadío e da volubilidade que xa ven sendo habitual no seu quefacer e faino dando forma a criaturas do seu maxín, servindose de medios e materias naturais.

De ahí este novo tratado de botánica do que xurden  novas plantas, aves, raros insectos, volvoretas descoñecidas. medusas extrañas e mesmo antropomórficos seres, que logo fotografía, como fai o botánico, para deixar testemuña do seu achádego.

Claro que, neste caso, o descubrimento ten que ver coas leis da imaxe visual, da composición, da cor e da luz, das que non son alleas o azar e as suxestións; tal como xa deixou escrito Leonardo no seu Tratado da pintura, cando cavila encol das manchas e das configuracións das nubes.

Así, todo é descubrimento, todo pode estar “visto por primeira vez” –como reza un dos seus títulos–; mesmo pode escribirse de novo o idilio de Fausto e Margarida, que non deixa de ser o eterno enfrentamento entre xuventude e vellez, entre beleza e fealdade, entre amor e morte e así o fai ver na obra “Fausto”.

Con delicadeza i exquisitez que o achegan –como xa temos dito– á sensiblidade xaponesa, X. Gómez-Chao compón estas figuras de tonalidades ámbar e siena que complementa con lenes toques de bermello ou con esgazados collaxes de papel de seda negro.

Pétalos de rosa, rabos de puerros ou bouquets de peonías e outras flores, transfigurados polo orden compositivo e sobre todo, pola luz con que os enfoca, dan nacemento a un universo inédito, inacabable no que todo está en continua transformación, en constante cambio e no que poden agromar todos os posibles; por eso é tamén importante o espacio vacío de fondo que deixa e a organización a miúdo circular ou espiraloide dos elementos, porque quere establecer probablemente un certo paralelismo  co espallamento das estrelas e das galaxaias no universo; así o pequeno remeda ao grande, o grande encontra analoxía no pequeno.

Ou, como reza o antigo texto de “A Táboa de Esmeralda”: “Así como é arriba é  abaixo”

Tratado de botánica aplicada de Gómez-Chao

Te puede interesar