Recordando a Alfonso Abelenda

galería Xerión ofrece unha mostra colectiva de máis de setenta pintores i escultores galegos de renombre que acompañan unha selecta escolla de obra de Alfonso Abelenda, coa que se quere homenaxear ao  grande artista coruñés, recentemente falecido. A variedade temática e de linguaxes plásticos das obras presentes deixa constancia unha vez máis da ductilidade coa que o xenio creativo de Abelenda se axustaba aos acordes expresivos i emocionais impostos polo motivo; así, podemos ver, a carón dunha delicada Maternidade na que rixe a armonía apolínea e sosegada das cores e das formas, as distorsionadas liñas de “Abracadabra”; ou, xunto á sinfonía de azuis dunha Mariña de atlánticas ondaxes, aparecen os esperpénticos trazos do “Púxil” ou  do “Sátiro mutante”, no que a mesma condición de humano queda en entredito; tamén nos regala co danzante mosaico de vivas cores da Dársena coruñesa, tantas veces reinterpretada polo seu pincel, e logo lévanos ás grisáceas e terrosas opacidades de “O coxo de Huelva” nas que a materia ten espesura e relevo. 
O gaiteiro, O desguace de Oza, o Ramo de San Xoán, entre outras obras, demostran  o enorme e polifacético talento plástico dun creador que domina sabiamente o oficio, e que o mesmo pode xogar cunha figuración clásica que coas deformacións expresionistas, coa abstracción ou co matérico e que xamais se repite. Entre os artistas presentes, merece ser destacada María Antonia Dans, co seu fermoso cadro da costureira que descansa un intre no seu traballo e que resume todo o engaiolamento que a pintora sentía diante da cultura popular; tamén González Collado danos unha versión luminosa e leda do mundo mariñeiro; a “Aldea” de Marta Pardo de Vera abonda nesa  polícroma e gozosa interpretación do mundo rural; Jorge Peteiro converte a praia de Santa Cristina nun idílico paraxe de azuis espazos dentro do seu estilo emblemático, con orla incluida; navega polos mares da fantasía Lugrís Vadillo cos seus historiados veleiros; Jorge Castillo converte un piano en máxico soporte dunha natureza morta; cantan un “Blues femenino” as envolventes auras douradas de María Xesús Díaz; Rafael Úbeda enfronta en “Indeciso” as dúas facianas da imposible comunicación; amplas perspectivas en gris do arco do Orzán e do camiño que leva á Torre de Hércules aparecen nos cadros de Óscar Cabana. Hai tamén obras de Mercedes Ruibal, Ángela Ocaña, Antonio Tenreiro, Xosé Luis de Dios, Elena Gago, Arturo Souto, Chelín, Sucasas, Laureano Vidal e un longo etcétera. 
Entre as esculturas merece ser destacada a pequena peza de Cristino Mallo “ Serafín busca piso”, na que demostra que non é o  tamaño senón a graza do modelado ou da talla a que fai ao grande escultor; presentes están tamén esculturas de Márgara Hernández, de Julio Sanjurjo, de Antonio García Patiño, de Antonio Souto, de Baltar, de Acisclo Manzano, de Buciños,  de Susi Babío de Ferreiro Vadía e outros completando esta variopinta viaxe polo universo da nosa arte contemporánea.

Recordando a Alfonso Abelenda

Te puede interesar