sábado 24/10/20

O pronunciamento, na galería Vilaseco

ta o 13 de novembro poderase contemplar a mostra “Pronunciamento”,  que dentro do ciclo Convidados, a galería Vilaseco leva a cabo no seu Laboratorio Creativo. O comisario Ángel Calvo Ulloa tomou como punto de partida conceptual a revolta das cigarreiras coruñesas en 1857, cando a chegada de máquinas liadoras provocou despidos e reducción dos salarios; establece así un paralelismo coas insurrecións contra as estéticas academicistas que ían a proliferar xa a partir do Romantismo e sobre todo nos movimentos artísticos de vangarda, pero para manifestar cánto hai de incorpóreo, de inasible ou de non falable na mesma obra de arte,ao que tratarán de respostar os artistas elexidos. Do desdebuxamento dos recordos e dos ángulos escuros da realidade cotián  queren dar conta as pezas de arxila de Mar Ramón (Valencia, 1993), que levan por título “46 rexistros de espazos inertes”, en alusión aos recunchos da propia casa nos que nunca reparamos. 
Carla Souto (A Coruña, 1994) establece, en fotos nas que ela mesma se enterra no chan, unha relación entre corpo e natureza, na percura de atopar as conexións perdidas co barro orixinario  e tamén de mostrar a pervivencia das formas orgánicas. Diego Santomé ( Vigo, 1966)  presenta seis xilografías nas que, tras unha espesa trama puntillista, aparece un desdebuxado e nuboso universo de luces e sombras que, sen dúbida , queren falar da ambigüedade da visión, tantas veces suxeita ás confusións de lusco e fusco. A proposta de Rodríguez-Méndez (Pontevedra, 1968) “Rexión de validez” busca os significados agochados e latentes, os segredos que esconden unhas ducias de paquetes de correos que a súa nai, xastra de profesión, lle envía de 2007 a 2017 de encargos que él lle fai de camisa e pantalón das medidas do seu pai, pero que xamais abríu; o material permanece así agochado e o protagonismo verdadeiro está na viaxe temporal e na non satisfeita curiosidade. 
Jorge Varela( Allariz, 1971), que, ademáis de artista, é historiador de amplísima formación intelectual, é un espíritu inquedo que anda á percura de respostas e de chaves que abran as portas da fuxinte realidade , tamén das formas que poidan dar fe do que está alén dos discursos pasadíos; deso parece predicar a súa obra A tribuna, na que seis pezas xeométricas de granito negro, pousadas sobre unha plataforma aberta fanlle un chisco constructivista ao deseño que El Lissitsky fixera para a tribuna de Lenin, pero sobre todo acreditan de que todo o que é anecdótico desaparece no ar; quizá só as pitagóricas leis da xeometría poden representar os anceios de absoluto do espíritu. 
Carme Nogueira (Vigo,1970) tamén  títula a súa peza como A tribuna, pero agora en alusión á novela de Pardo Bazán encol das cigarreiras coruñesas; trátase dun baixorrelevo  en forma de mesa, no que vai recortado o perfil dunha moza fumadora que evoca a estampa modernista das caixas de Farias. Estas seis propostas lévannos a por en cuestión as nosas certezas e ideas encol da representatividade.

Comentarios