PAPAGAIO: A PEGADA DOS SENTIDOS

Agalería Atlántica foi escenario, o día 16, dun fermoso acto poético, no que 13 poetas e dous músicos rendiron homenaxe á poeta Luisa Villalta (A Coruña 1957-2004), co gallo da mostra de fotografías de Maribel Longueira que dan testemuña da desfeita do famoso barrio coruñés do Papagaio e que, en 2006, publicou en libro Laiovento, con vinte poemas de Luisa Villalta.
Feridos e ferintes, mesmo agresivos as veces, berran os poemas, dende as paredes, a miseria, a dor dunhas vidas, cuxo desditado paso aínda latexa nos anacos e fragmentos de arquitectura que a cámara de M. Longueira se encarregou de documentar no ano 2001, cando o barrio foi derrubado. Parecería imposible que poida sair beleza da destrucción, pero así é; alén do sufrimento que se se adiviña ou sospeita nestes recunchos de explotación, estas fotos, feitas con mui escolleitos enfoques de detalle, son mui fermosas e mesmo chegan a semellar a materia pictórica da que se sirven tantos artistas plásticos para envellecer os seus cadros. Esta é a beleza das cousas antigas, do tempo ido e ,se non fose porque o Papagaio foi un símbolo de humillación, de atentado contra a dignidade da muller, de miseria sexual, aínda parecería bonito velo en pé. Hoxe é xa recordo e fragmentos de memoria son o que transmiten as instantáneas de Maribel. “O Papagaio mudo, caído entre as flores das meias verdades/ tinxía de cores charramangueiras/ os dous lados do simulacro. Os anos cincuenta de calquer século: unha porta verde na cronología repintada…” –así: din os versos de L. Villata– e ollamos o charramangueiro portal de porta verde, aberto cara as escaleiras bermellas (coma “o carmín prohibido do sexo das señoritas”) cos seus chanzos comestos polo caruncho que só levan ao infortunio.
As metáforas visuais corren paralelas nos poemas e nas fotos: “unha lembranza do sexo aberto do amañecer” atopa representación viva nun muro regañado color carne, que semella unha vaxina aberta; ou máis ben “ un tambor sen nada máis que pel e óso,/ unha alma que se estira dolorosamente para facer son….”.
Dolosamente cantan estas madeiras vellas, estes cristais opacos, estes muros descascarillados e riscados, este alquitrán que escorrega polas baldosas, estes buratos das fiestras dende as que se escoan invisibeis bágoas. Un mundo que foi cruel, unha arquitectura que puido encerrar mais nobles vivires e que retorna ao caos, deixando un rastro, unha pegada doente, recollida neste conmovedor documento gráfico.

PAPAGAIO: A PEGADA DOS SENTIDOS

Te puede interesar