No centenario de Lago Rivera

Cando se cumplen cen anos do nacemento de Lago Rivera (A Coruña, 1916), Afundación presenta unha mostra retrospectiva da súa obra, comisariada por C. L. Bernárdez. Establece este cinco etapas, que permiten enxergar como foi evolucionando o seu quefacer, dende os presupostos académicos do inicio ata o desenvolvemento dunha linguaxe persoalísima, cuxo fío conductor, para nós, foi sempre un lirismo idealizador, unha percura da inocencia, que o levaba a buscar na arte o que non atopaba na vida.
Ollada verdadeiramente mui limpa a de este gran pintor, o mesmo cando se deixaba guiar polo canto dun exaltado cromatismo, como ocurre na etapa denominada maxicista, na década do 40, como cando opta polas tonalidades susurrantes e pola aérea levedade dos esfumados( quizais de orixe leonardesco) que o envolven todo nunha sutilísima e transparente néboa.
Mesmo na etapa final, en que retoma a figura humana baixo un óptica máis crítica, non deixamos de sentir que prima unha amable e serena ironía, sobre calqueira xeito de berro denunciador; vea irónica que non é senon o envés do lirismo e tamén é mui galega, mui nosa. “O humor- afirma Samuel Beckett- é unha cualidade do amor”. “O humor é a cortesía do desesperado”- di o noso Celestino Fernández de la Vega. Cortesía de corazón amable é a que se respira na obra de Lago; tanto cando pinta como campesiñas ás suás irmás, para dar unha visión máis idílica do agro, alonxada do enxebrismo terruñento, como cando fai das paisaxes e arredores de San Pedro de Nós, un maravilloso retallo de policromías de conto de fadas, con douradas estradas polas que circulan, como saídos dun maxín infantil, os vellos coches da época.
Galicia, daquela, aínda tiña moito de verde paraíso i é a súa numerosa gama de verdeazulados a que lle da a cor para o seu fantástico cadro “O paraíso terrenal”, que ten un aire de retablo atemporal e está cheo de gracia orixinal e de frescura, nel Adan i Eva aparecen hieráticos coma figuras románicas, entre o sol e a lúa e rodeados de animaliños; poida que nesta etapa estivese fascinado, como lle ocurríu a Picasso e a moitos outros pintores, pola onda de primitivismo que sacudíu Paris e que tivo en Rousseau o Aduaneiro a máxima figura.
En Paris, donde se instala en 1950, coñece o nuagisme (ou nubismo), unha variante do informalismo abstracto e, tras pasar por unha esquematización formal, influido por él, camiña cara unha abstracción de manchas lixeiras en gamas de terras e grises, nos que prima a suxerencia de formas libres e voandeiras , ainda que poden lembrar paisaxes, bandadas de aves, árbores ou nubes,. De ahí é doado pasar á figuración desrealizada e evanescente da súa terceira etapa que é a máis coñecida; este é o Lago Rivera das bretemosas paisaxes, dos bodegóns que levedan e das esvaescentes figuras femeninas.. Pintor poeta, en suma, mereceu os versos doutro poeta: “Voa na flor o azul./ Levidade do rosa...” (González Garcés).

No centenario de Lago Rivera

Te puede interesar