Mapa de desexos de Luis Seoane

A Fundación Luis Seoane prolonga a mostra “Mapa de desexos de Luis Seoane” ata xaneiro, dado o extraordinario acollemento que obtivo por parte do público. Trátase dunha exposición plantexada dun xeito novidoso, pois a escolla , que consta de 88 pezas, foi feita entre as setecentas que forman parte do legado da institución, por 108 persoas de diversos estamentos sociais. 

Cada obra tiña que ir asociada cunha idea que lle suxerise ao escolledor, de maneira que a pintura de Seoane vese alumeada por novos lóstregos de sentido, algúns máis axeitados que outros, pero todos importantes porque falan, non dende a ollada do experto, senón do espontáneo gozador. Así, “Muller sentada”, que representa a unha mociña de pés descalzos, con fondo de lonxanía mariña, mereceu os atributos de “nostalxia, armonía, equilibrio e alén”, atinando nese algo tan de noso e tan da visión do pintor  da saudade do lonxe e da fusión coa natureza. O bodegón “Os arenques” mereceu o título de “sanxoán”. 

A obra “Os zocos na cabeza” (1949), que recolle aquela vella costume das nosas xentes do agro de non poñer o calzado, para aforralo, ata chegar ao lugar de destino, fose feira ou romería, foi alcumado como” tolemia, tradición e atrevemento”; realmente, o que dixo “tradición” coñecía a Galicia anterga, pero o que puxo “tolemia” lévanos a reflexionar sobre o absurdo que latexa en certos comportamentos humanos. 

O cartel para o Día das Letras Galegas de 1972 mereceu o epígrafe de “esperanza”. A un desnudo de 1950, que representa a unha robusta dona, esa muller que é sostén da vida e que tanto inspirou a Seoane, o escolmador púxolle o certeiro nome de “abundancia”. Unha paisaxe de 1964,  que recolle o xeometrizado e irregular esquema das nosas leiras, mereceu chamarse “mapa”. 

Mui sutil andivo a persoa que soubo ver no cadro “Mantón negro”, no que Seoane xa chegara á síntese das formas, nada menos que á Gioconda; mentres que outra persoa o que veu foi  unha monxa. Curioso, por levarnos a unha reflexión encol da violenta condición humán, é o título” “twitter”, que algún lle puxo ao cadro “A loita”, onde dous antergos salxaxes pelexan con mazas; hoxe faise o mesmo pero con palabras e menxases dos supostamente civilizados twitteadores. 

Nun estudo de peixeira, para o mural “Mariscadores” de Bós Aires, alguén veu, con acerto, a unha “campiona” , unha desas nosas fortes e inmorredoiras mulleres, expertas nas lides da vida, pero que case nunca reciben honores. O óleo As barcas, de 1948, foi visto como “calma, quietude, Galicia”, converténdoas, desde xeito, en símbolos dese noso estoico estar a agarda, sempre na beira do mar. 

Esta mostra, tan distinta de calquera outra, buscou –como dí Silvia Longueira– “...a complicidade e novas miradas arredor das pezas de arte...”, creando un aberto e fragmentario poema que ilumina  a obra de Luis Seoane con novas suxerencias . A peza de animación, feita por Esferobite, e baseada no libro “ Homenaxe á Torre de Hércules” pon a xirante luz do noso faro como atlántico colofón.

Mapa de desexos de Luis Seoane

Te puede interesar