Miércoles 21.11.2018

José Caruncho, no Kiosko Alfonso

Se a tarefa do artista é descubrir e revelar a realidade esto cúmplese totalmente na impresionante mostra de José Caruncho (A Coruña, 1953)

Se a tarefa do artista é descubrir e revelar a realidade esto cúmplese totalmente na impresionante mostra de José Caruncho (A Coruña, 1953) que  ofrece o Kiosko Alfonso, co título Galicia, meu estudio, acaído epígrafe para quen se mergulla coa súa cámara na entraña do país, para devolvernos o rostro da terra multiplicado en enfoques inéditos dunha extrema fidelidade ao esencial e dunha extrema poesía: Xa sexan as liminais lúas erguéndose na noite da Coruña contra do escuro ceo; xa as impoñentes rochas megalíticas que configuran a nosa alma de seixo, a un tempo doce e ruda; xa as nevadas paisaxes do Courel coa súa senlleira e silenciosa brancura espallándose cara a pura infinitude; xa os rostros queridos dos amigos redescubertos (Laureano Álvarez, Tim Behrens, Alberto Carpo, Darío L. Brandariz... entre outros) que ollan para a eternidade; xa os baleiros areais agarimados por augas de lusco e fusco esbarando en misteriosos rebrilos sobre as penas; xa os silandeiros soutos nos que se espesa a ramallada dos castiñeiros como dispostos para animistas ceremonias dignas das de “O bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez... 
E non podían faltar as vaquiñas marelas: totem eterno e familiar pacendo acougadamente na falda do monte. Tamén tiña que estar a tecedora incansable e teimosa, como Manuela García, de Parada, que da fe das nosas maravillosas Penélopes  a devanar o fío do noso ser e a soster o novelo da nosa historia. ¿Cómo podía faltar á cita o tallador da pedra grá que ergue na man o cincel e a  maceta de aceiro e leva no rostro toda a nobreza anterga do oficio de arxina? Tamén teñen que estar os faros que se abeiran dos mareiros aléns, para alumbrar as impresionantes chairas da noite e os Fisterres que habitan nos nosos ollos... Caruncho “escrebe coa luz” (parella da música que ama) a idiosincrasia galega, ponlle  fermosos craroscuros á nosa alma labrega e deixa esbarar melodías e acentos nos que alenta unha reciedume doce e mol e un místico e saudoso silencio  que se sinte esbarar en armoniosos contrastes de luz e de sombra, como evocadora cantiga sin palabras. 
Tamén abre fiestras cara as tres Fisterras: Galicia, Bretaña e Irlanda, unidas por mares, dólmenes, cruceiros, etnias e luces atlánticas. Un capítulo importante da mostra son as 21 fotos, coas que fai homenaxe aos seus admirados fotógrafos americanos: Paul Strand, Edward Weston, Arnold Newman , Ansel Adams, Imogen Cunningham, Minor White, Wynn Bullock, Wright Morris, Brett Westo, F. Sommer e Paul Caponigro; fotos que xa figuran na Harry Ransom Center de Texas, unha das millores coleccións de fotografía do mundo. Entregado con paixón ao oficio herdado do seu abó José Vázquez Paz e do seu padriño Inocencio Smith de las Heras, segue teimudo a revelar os seus negativos, no seu estudo ou cova platónica, e cando lle preguntan por qué segue a facer esto na era dixital resposta: “¿Que a fotografía química morreu? Pois que me enterren nunha tomba con cuarto escuro.”

José Caruncho, no Kiosko Alfonso
Comentarios