A ilustración de Xosé Cobas

Xosé Cobas ( Logrosa, Negreira,1953),- que comenzou no mundo da pintura a fins do 70- é hoxe, sen dúbida , un dos grandes ilustradores de Galicia, cunha traxectoria importantísima no que atinxe á ilustración de libros, que sobrepasa a centena, amén de carteis, banda deseñada, etc. Agora, a mostra do Kiosko Alfonso, descúbrenos, non só as súas indiscutibles capacidades para o debuxo, senon a súa excepcional creatividade. En cada obra pendurada, devólvenos un universo máxico, no que todos os imposibles son posibles, mundos de fábula e persoaxes de lenda, que se fan visibles en imaxes simbólicas e metáforas con resoancias oníricas. Para eso utiliza métodos como a hibridación de criaturas: peixe-elefante, home-paxaro, muller-raposa...; ou ben bota man da antropomorfización: un monte rematado por un castelo ven a ser a testa coroada dun rei e unha onda azul pódese converter nun rostro; acude tamén á mestura de realidades dispares, como a torre de Babel rematada por un trombón ou a cabina telefónica que aboia no mar chea de peixes e libros; fai uso das hipérboles como a da inmensa granada que compite con arquitecturas de pontes; bota man das ubicacións sorprendentes: un rato nas nubes ou o pintor que anda aboiando polo alto do ceo; incluso, faille chiscos a obras de grandes pintores: Escher, Munch, Goya,Rembrandt, Picasso, entre outros.
Mui a miudo o que percura é a delicadeza poética: unha flor entre signos petroglíficos, unhas follas de outono levadas pola airexiña, unhas lenes volvoretas voando por esvaintes auras case inmateriais, unha pomba chea de rosas..., o que denota a súa exquisita sensibilidade. Son moitos os rexistros que toca, obrigado pola adaptación aos textos que ilustra, pero levado tamén por unha imaxinación fora do común e a súa pegada, a súa impronta propia está arreo presente. Asemade, hai que salientar que endexamais fai simples monicreques, senon que sempre aparece o pintor cun dominio da técnica que lle permite mesturar os procedementos mais diversos: óleo, tintas, grafito, pastel, acrílico... e con eles atemperar a cor axeitadamente, creando atmosferas esvaintes cheas de suxerencias e espacios misteriosos. Dúas series, especialmente, chaman a atención: as 23 pezas que ilustran a obra “Cadros para unha exposición” e as 33 que fixo para “O libro das viaxes imaxinarias” de Xavier Docampo, onde acada os lindeiros do inefable. Da súa poética, chea de secretas voces , seméllanos un exemplo maravilloso a serie de interiores que titula Tempo e luz; ahí o anecdótico ou narrativo desaparece para dar paso á espida e pura imaxe plástica na que prima o equilibrio compositivo e o ben modulado uso do claroscuro ( tan querido, por certo, polos pintores do barroco), co que crea feiticeiros espazos de quietude, de intimidade e de silencio.

A ilustración de Xosé Cobas

Te puede interesar