Fina Mantiñán, no Kiosko Alfonso

o Kiosko Alfonso acolle unha gran mostra antolóxica de Fina Mantiñán (A Coruña, 1937), que ofrece a súa traxectoria dende os anos de París, na década do 60 ata actualidade e que é saudada pola súa comisaria Rosario Sarmiento como o merecido e un tanto tardío recoñecemento a unha artista singular, o que suliña tamén o escritor Xavier Seoane. 
Ábrese a exposición con nove desnudos que dan fe da boa formación académica recibida na Escola de Arte de Montparnasse e na Escola Superior de Belas Artes de París, mais xa se albisca nalgún a presenza de tensión anímica e dun espazo de extrañeza, que son tan característicos do seu quefacer, como ocorre con “Desnudo de espalda con escaleira” e sobre todo no estupendo espido masculino que titula “Desesperación”. 
Veñen despois as evocadoras paisaxes de Paris: Patio da rue Partans, Rue de la Maré, Passage Routiphilippe, entre outros, nos que consegue transmitir, en envolventes e atmosféricas tonalidades ocre-violáceas, o indefinible e silencioso encanto dos vellos recunchos parisinos do distrito 20, onde vivía. 
Un capítulo importante é o das colaxes que comenza en 1965 con pezas sinxelas de parco cromatismo que responden  aos imperativos dos seus estudos de debuxo publicitario, para se converter, xa na década do 80, en complexas composicións de voandeiros retallos que suxiren ideas de vó e de fortuitos encontros de formas libres e que é para ela- segundo dí “unha vía de descubrimento”. 
A partir do 70 inicia, primeiro por medio de debuxos a lapis e tinta e logo por óleos de vibrante cor, unha serie de complexas composicións constructivistas, compostas por estructuras de táboas e madeiros que se entrecruzan rítmicamente formando xeométricos e ríxidos entramados, tras os que se agochan esquinados dramas representados por desdebuxados e doentes rostros, con buratos negros por ollos. 
Son cadros de grande beleza plástica, desacougante nalgúns e noutros de suxerente lirismo, como o que leva por título “Notas musicais”; trátase de impactantes e polícromas construccions na liña, en parte, da abstracción lírica e xeométrica dun Klee ou un Kandinsky, pero que comportan tamén un fondo simbolismo que apunta á rixidez das estructurais sociais que, tras bonitura das apariencias, agochan a cosificación e a deshumanización da sociedade o que, de feito, foi salientado naqueles anos da chamada década ominosa. 
Pódese decir que Fina Mantiñán atopa a súa linguaxe, a maneira de falar de si mesma utilizando o método da metonimia, como é visible na obra titulada “Eu mesma. Os zapatos vermellos”, no que se erguen tres vigas de cor laranxa formando un espazo piramidal que parece sosterse no aire; tras delas e caído no chan hai outro madeiro, unha pintura e os zapatos; a obra fala da dureza e dificultade que supón soster os propios soños.
Os baixorrelevos en madeira dos 90: Persoaxes con lúa. Diálogo de sordos e Homenaxe a Camille Claudel abondan nesta mesma expresión da loita creativa, deixando aberto, con Pez submariño o gran mar do imaxinario.

Fina Mantiñán, no Kiosko Alfonso

Te puede interesar