Faustino Seijas, en Black Box

Osingular espazo expositivo BLACK BOX ( Santa Lucía, 3) ofrece a mostra “Volumes bidimensionais” de Faustino Seijas ( Arzúa, 1951), profesor de Debuxo  en Ensino Medio, cuxa  licenciatura en Belas Artes, en  pintura e escultura, lle permite buscar unha linguaxe na que a dimensión plana do cadro, sen perder as súas características e dicir, sin a ilusión óptica de profundidade, dada pola perspectiva, dé opción á presencia de volume; de ahí o título. O seu é un traballo riguroso, no que trazos, signos matemáticos e lingüísticos, liñas, caligrafías, texturas, formas xeométricas, exquisita gradación das cores e ritmos compositivos son artellados  de maneira precisa para alumbrar obras de  indudable beleza plástica per se, tal como foi plantexada por correntes como o constructivismo ou o neoplasticismo . Son obras desligadas da obxectividade exterior, nas que canta, como na música, un lirismo  abstracto de configuracións  abertas, á percura dun orden armónico, no que o sentido nace-como na escritura- da arte combinatoria dun número discreto de signos. O mesmo pintor fala, en reflexión encol da súa obra, dese proceso  que, xurdido do pulo interior da conciencia leva á man á creación de signos que deveñen símbolos gráficos. O lenzo é entón un acontecemento inédito, no que ten un protagonismo principal a alternancia de campos de cor, en especial os primarios vermello e marelo e o branco, o negro e o gris. Consegue así composicións de alta vibración cromática, como no cadro “ Dos números ordinais 1”, formado por un rectángulo  de encendido carmín  con lenes manchas de máis baixa saturación,  que leva un gran número 1 negro  no centro, e, abaixo, unha  fila  de números 1 en verde, sobre banda de liñas xestuais negras. “ Dos números ordinais 2”  ofrece unha variante, aínda máis suxestiva, pois o espazo vermello redúcese a un rectángulo na parte de abaixo e o resto da cor esfarélase nun entramado de liñas sobre escuro negro, no que cantan catro filas de números 2, en branco, azul, marelo, verde e carmín. En “Espazos ocupados 1 e 4”, formados por planos rectangulares  marelos e negros,  separados por unha banda de cadrados de cores e cunha fila de números 1 grises, abaixo; son as diferencias de tamaño e posición  as que crean dúas obras distintas. Variantes máis apacíbeis, dada a presenza de planos brancos e grises son  “Espazos ocupados 2 e 3”. “Desequilibrios disimulados”, a serie “Derivación de cores sobre fondo negro”e. “Xogos de cor” están nesta liña. As tres pezas que dan título a mostra opoñen o marco baleiro áo volume de panos brancos que colgan deles ou van enrolados , facéndolle un chisco a arte matérica. Completan a mostra, dous hieráticos Totems e a impoñente escultura “Homenaxe a  SketchUp” , na que, a xeito de sombra, proxecta sobre o chan  dúas enormes I, verde e  vermella, que, saídas dun cruce de dúas paredes verticais deixan alí o seu baleiro. A obra de F. Seixas parece querer dar materialidade ao invisible, como diría Rothko. 

Faustino Seijas, en Black Box

Te puede interesar