Jueves 13.12.2018

A Coruña, nas fotos de Francisco Pillado

Opazo de María Pita acolle a mostra de fotografía “Coruña, catro temas”

Opazo de María Pita acolle a mostra de fotografía “Coruña, catro temas” de Francisco Pillado González (A Coruña, 1892-1977), que –grazas a aportación documental da familia e a selección e montaxe de José Caruncho– nos permite descubrir a un fotógrafo inédito. Fillo do pianista e compositor Francisco Pillado Villamil, formou parte do grupo de fotógrafos afeccionados que se reunían na farmacia Pardo Reguera da rúa Real e foi membro da Sociedade Fotográfica Coruñesa, na que tamén estaban Manuel Ferrol, Dionisio Tasende e Schmidt de las Heras. 
Con paixón e minuciosidade Pillado foi fotografando a Coruña da primeira metade de século XX, deixando un impagable documento e devolvéndonos unha poesía visual na que latexa unha doce saudade, case un místico e acougado silencio, sobre todo nas instantáneas nas que recolle as nevadas da praza das Bárbaras, da travesía da Zapateira ,da praza de Azcárraga ou da Mariña. Vese o cuidado posto no enfoque, buscando resaltar o espacio baleiro que queda entre os edificios e a soedade representada por unha ringleira de vellas árbores ou por negras e alonxadas figuras humanas que semellan camiñar cara ningures. Só alguén cunha grande sensibilidade e quen de escoller o ángulo exacto e o detalle revelador que perpetúa un intre irrepetible: ese en que o observador se funde de xeito amoroso co que contempla. 
Hai unha foto especialmente reveladora na que enfoca as torres de Santo Domingo, dende a esquina nevada da Cortaduría, dándolle protagonismo ao camiño deixado no chan polo paso dun vehículo e que rodea os retortos troncos de tres vellas árbores cuxas polas semellan mans ergueitas cara o ceo; dúas pequenas, case indistinguibles, figuras humanas pérdense no fondo. É esta unha característica que salienta Caruncho no estudo que lle dedica, referíndose, claro, as fotos que pertencen ao apartado A cidade: “En case todas as fotografías está o elemento humano, alonxado, imperceptible”.
Unha segunda serie é a titulada Os arcos; son fotos a contraluz, nas que quere salientar os claroscuros e o espacio arquitectónico como pórtico encadrador de fondos, ao tempo que contrapón a idea de aberto e pechado. Na serie O porto recolle escenas da vida mariñeira e dos pescadores, que hoxe constitúen un documento dun xeito de vida e de traballo desaparecidos: pequenas lanchiñas, humildes aparellos e xentes do mar tamén humildemente vestidas que falan dun tempo non tan lonxano en que aínda éramos pobres. A última serie é a titulada As persoas e é a que se achega máis ao retrato, tanto individual como social; fotos como Rapaz, Nenos na Dársena, Nena na Torre, O vello Covas ou Home son verdadeiramente conmovedoras; tanto estas como as fotos de damas e cabaleiros burgueses serven para nos lembrar un pasado do que somos herdeiros.

A Coruña, nas fotos de Francisco Pillado
Comentarios