Celestino Poza, xa nos seus soños

Este venres día 2 despedíamos a Tino Poza, repentina e inesperadamente falecido, para abraio de todas as persoas que o querían, que eran moitas (familiares e amigos especialmente). Tino posuia unha rexa e xenerosa humanidade que empregou arreo e sen acougo para as causas xustas e nobles, tanto no eido da política como no da cultura; e os erros –si os tivo como todo ser humán– tamén o ennoblecen, porque naceron do seu gran corazón e do seu alto sentido da amistade.
Sempre estaba aberto para calquera proposta que se lle fixese e si lle parecía boa e factible poñía toda a súa paixón e empeño para levala a bon fin. Así, fixo de Culleredo un centro de cultura de primer orde e dinamizou e Deputación coruñesa durante os anos en que estivo ao cargo do departamento de Cultura.
Sentía un especial entusiasmo polas artes plásticas e un día descubríuse él tamén como tocado polo numen da pintura; xurdiron así, primeiro, esquemáticos rostros de frontalidade románica e trazo expresionista; e, máis tarde virían os seus “Soños de café” nos que a mancha comenzou a debuxar criaturas do maxín: trasnos, torsos, castelos, fragas, cidades lendarias, enferruxadas ruinas e todo unha ringleira de suxerentes presencias innomeabeis.
Tratábase de augatintas cor sepia, cor acaramelada ou cor café como rezaba o título daquela mostra feita no Clube de San Amaro, que foi a única da que puiden dar noticia. O tempo escorregaba, como pequeno regato emocional, naquelas augadas que semellaban ir na percura das fuxidías quimeiras dun perdido alén ou quizais da feliz infancia. Quen sabe que forza motriz, que pulo do subconscente move a man que esborrexe pola páxina branca, deixando quizais testemuñas de arelas e grafismos de urxencia.
De “Escolma de urxencia” por certo, titulou él a súa última mostra (que nós non puidemos ver); xa esbaraba posiblemente cara esta cita final na que as figuracións inventadas ían a se converter en verdadeiros soños do máis alá, dese lugar innomeado, descoñecido, no que agora se agocha, na compaña sí do calor dos que o queren, nos que deixa unha pegada indeleble, unha memoria para sempre

Celestino Poza, xa nos seus soños

Te puede interesar