Brocos, na ollada de Pepe Galán

No museo de Belas Artes coruñés podemos contemplar o resultado do taller impartido polo escultor Pepe Galán, arredor da figura de Isidoro Brocos; un percorrido sucinto pero intenso, no que –según propia confesión– partíu “da necesidade de dar a coñecer de onde vimos, para saber quen somos e onde estamos” o que é especialmente estimable nesta época  en que a miúdo hai tanta desmemoria e esquecemento do propio. 
O propósito desta viaxe foi, pois, facer revivir a presencia do artista, mesmo case darlle encarnadura,, camiñando, fotografando e mesmo cartografando os roteiros da cidade por onde él andou : Campo da Leña, Panadeiras, San Roque de Fora, Riazor, Orzán... tratando de captar o espíritu que o animou e que sempre estivo enraizado na alma ou genius loci da terra. Obrigada foi a visita ás escolas e academias da época: Escola Provincial de Belas Artes (1850-1870, na Casa do Consulado), Escola Superior de Arte e Industria (1870-1890, no número 21-23 de San Andrés), Escola de Artes Aplicada e Oficios Artísticos (1890, no Instituto Eusebio da Garda) e Real Academia de Belas Artes (Academia Galega de Belas Artes Nª Señora do Rosario, Casa do Consulado). Un hito importante foi a visita á capela de San Andrés, onde figuran varias obras súas e, por suposto, á Escola Pablo Picasso, na que exerceu a docencia. 
A primeira etapa tivo lugar no museo de Belas Artes, onde figuran algunhas das pezas importantes, como Hero, A parva ou O cego dos monifates. A segunda sesión tivo como finalidade recoller a historia da Academia de Belas Artes, onde Brocos exerceu de académico. A terceira visita foi ao instituto Eusebio da Garda, onde estivo a Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artisticos, nos anos en que Brocos exerceu de mestre de Picasso. A capela de Santo André é un dos lugares máis significativos no percorrido, por canto figuran nela oito tallas de madeira de cedro policromada: Virxe da Luz, Virxe do Carme, Santa Rita, Santa Modesta, San Eusebio, Santo André,San Pedro e San Xudas Tadeo , que atestiguan non só do seu ben facer, senon do aprecio que como escultor tivo naqueles anos de fins do século XIX, que é cando están datadas as pezas. 
A quinta sesión tivo lugar na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, nos Pelamios, que se inaugurou en 1988 e á que se trasladou a antiga escola; alí figuran documentos importantes dos anos en que Brocos exerceu a docencia e as mesmas estatuas, coma o Torso de Bervedere, que o mestre utilizaba nas súas clases de debuxo de figura ou de debuxo do antigo. Elas miran agora cara o mar aberto, pertiño de camposanto de San Amaro, onde descansan os restos do grande artista, que foi tamén músico e poeta. Cara ese mar, que eternamente recomenza deíxanos engaiolados este fermoso recordatorio de Pepe Galán

Brocos, na ollada de Pepe Galán

Te puede interesar