Artistas portuguesas en Arte Imagen

Co título de “A arte portuguesa no femenino”, doce artistas de distintos lugares de Portugal ofrecen en Arte Imagen un amplo abano de propostas plásticas que deixan testemuña das fervenzas que axitan o imaxinario do noso veciño e querido país. A máis veterana, Margarida Santos (Gaia, 1946) é unha notable escultora, cuxas pezas de bronce: Acomodaçao e Impeto exploran, en estilizadas formas de un realismo sintético, os encontros da parella humana. Isabel de Andrade (Angola, 1960) traballa, nas súas esculturas Trapecio e Abraço, coa elegancia e o alargamento da figura humana ata os lindeiros do imposible, un tanto na liña de Giacometti.
Con trazo solto, amplo e xestual, Engrácia Cardoso (Tomar, 1976) compón naturezas florais de xardíns inventados. Ana Pais Oliveira (Vilanova de Gaia, 1982) ten por tema o espacio arquitectónico, motivado pola utopía dun hábitat comunicador, no que estancias de delicado cromatismo establecen relación entre o adentro e o afora. Cristina Troufa (Porto, 1974) autorretrátase en contrastadas cores un tanto pop, afanada en traballos e xestos de autocoñecemento. Manuela Pimentel (Porto, 1979) intervén fragmentos de carteis publicitarios lembrando a técnica do azulexo tradicional portugués e opondo así o mundo actual co antigo.
Raquel Rocha (Porto, 1976) insiste nos encontros amorosos da liña que se amalgama en espesuras de formas penetrantes para construir agudos grafismos que ela chama “Linhas decantadas para as asimetrías do amor”. Susana Bravo, con linguaxe expresionista, conta historias que se apilan en forma de libros ou se abren a pasadíos da memoria. Isabel Lhano lévanos aos lindeiros da reflexión, con dúas Piedades de intensa cor violácea que lembran Dolorosas e que falan, dalgún xeito, do drama dos refuxiados.
Ana Aragao (Porto, 1984) debuxa a plumilla arquitecturas fantásticas, que recordan babeles e castelos de conto de fadas. Adriana Henriques decántase polo expresionismo abstracto, utilizando manchas de cores mui contrastados sobre as que sobrepón, como bágoas, pequenos collages de labores de crochet.
Mención especial merece o delicado traballo de Isabel Saraiva (Porto) que, situado un tanto na liña da abstracción lírica de Paul Klee, tende pontes de luz entre Coruña e Oporto ou fai homenaxe á torre de Hércules, en tonalidades suaves de baixa saturación, con puntillismos e riscos que levitan e que escreben craros menceres e azuis ansias. Estas doce propostas achégannos, pois, algo do que latexa no universo femenino da arte portuguesa actual que, aínda que breve, amósanos que hai moita madeira creativa e mui variadas tendencias.

Artistas portuguesas en Arte Imagen

Te puede interesar