Antolóxica de Felipe Criado

A galería José Lorenzo acolle unha mostra antolóxica de Felipe Criado ( Gijón, 1928 - A Coruña 2013), que abrangue unha etapa de case cuarenta anos, desde 1974 a 2009 e que recolle algunhas das súas principais temáticas : as maternidades, os nús femeninos, o retrato, a paisaxe..., destacando de xeito especial, polas súas atmósferas misteriosas e envolventes, as estacións de ferrocarril nas que transitan xentes emergulladas en luces cálidas e terrosas de esvaecente lusco e fusco, case no límite do desdebuxamento. Son estas obras as que millor definen esa súa inquedanza pola viaxe, como metáfora do destino humano, esa eterna pregunta que de sempre o desacougou e que tanto puido tomar a forma das curvas do corpo femenino, como das espirais galácticas.
De feito, tamén a muller, como dadora de vida, é para él  símbolo do eterno femenino e da magna mater, a gran nai, non só telúrica forza, senon extensiva e celeste criadora do Todo, como a deusa Nut exipcia que se curva inmensa no firmamento. Esta, por forza breve escolma de unhas vinte pezas, non pode dar fe de toda a amplitude de motivacións e resolucións plásticas dun artista que non só pintou, senon que reflexionou a eito e con profundidade encol da arte e que deixou textos iluminadores, como o que fixo para o catálogo da súa mostra de 2004, na galería Ana Vilaseco; fala aquí do seu descubrimento, cando neno, da inmensidade cósmica, do seu abraio ante o ceo estrelado e de como, para se achegar a él xa sendo adulto, tivo necesidade de poboalo de “seres fémias”, para criar, por medio delas, novos espacios, novos universos.
Así entronizou deidades, que tomaron, as veces, as formas das súas fillas, Sandra e Cecilia e da súa muller, Mercedes, un de cuxos fermosos retratos preside a mostra, mostrando, de xeito inequívoco, nas angulosidades anatómicas coas que a construe, nas volutas de fondo que a rodean, nas delicadas carnacións case aéreas e no solemne hieratismo frontal acentuado pola meláncolica dozura da ollada que nos mira de fronte, que xa é, máis que muller, deusa dun Olimpo no que Felipe Criado mollaba arreo os seus abraiados pinceis.
Do drama humano, cuxo aspecto máis escuro puido él experimentar sendo neno de oito anos en Santander, cando estalou a guerra, escolleu sempre ou case sempre, o lado máis positivo, máis fermoso ou poético, unha poesía non exenta de nostalxia, de evocacións do pasadío, de adeuses e mesmo de berro contido .
Para amatar a perplexidade do baleiro, a infinitude do insondable firmamento que lle facía acenos, riscou arreo no espacio dos deus cadros devolvéndonos criaturas entrañables, como as que agora podemos contemplar na galería José Lorenzo. A catro anos do seu pasadío cobran novo sentido as súas verbas: “Soledad al nacer, al buscar la Energía Infinita. Soledad al morir, en ansia de fusión con la Energía, con el Cosmos.”  En versos nosos facémoslle decir: Vou de camiño, / os trenes asubían no lonxe...
 

Antolóxica de Felipe Criado

Te puede interesar