QUE PINTAN ACTUALMENTE AS RELIXIÓNS?

Continuando co comentario de hai quince días, no que diciamos que as relixións, compañeiras e apoio dos seres humanos no seu camiñar por este mundo, encóntranse agora nunha situación que as leva a perder presencia e a cederlle o paso aos valores laicos. Iso significa para elas algo positivo como é ter que adaptarse aos cambios que se están a dar nas diversas culturas e nas formas humanas das civilizacións nas que estamos todos metidos. 
Do contrario veranse abocadas a perder a influencia social que viñan mantendo. Pasos neste camiño cara a ningures xa se levan dado ben deles, dos que non é o de menos importancia a carencia de vocacións e o conseguinte peche de algún seminario, entre eles o de esta diocese de Mondoñedo. 
Cregos e seminarios chamados a desaparecer é unha sinal da carencia de un proxecto reformador dos ministerios na Igrexa. Buscala recuperación vai levar tempo e esixirá incluír, entre outras cousas, a participación da muller e a supresión da lei do celibato. 
Algo que, ao parecer, non é alleo ao proxecto do Papa, aínda que el non chegue a velo. Porque continuar como estamos, cando a maioría das parroquias xa se encontran completamente desatendidas, suporía o suicido da Igrexa. Para a inmensa maioría dos bautizados, se quitamos a figura e o talante do papa Francisco e o de moitas outras persoas, grupos e organizacións que privadamente merecen o mesmo recoñecemento, debemos recoñecer que a institución eclesiástica como tal, non só non resulta atractiva e convincente, senón que provoca o rexeitamento, como se pode apreciar pulsando a opinión pública. 
A que, senón, se debe o abandono dos homes, e singularmente das mulleres que anteriormente foron persoas fieis e cumpridoras co mandato evanxélico de Xesús, no que lles pedía aos seus seguidores que permaneceran unidos? 
Os xerarcas e o clero bótanlle a culpa de estes males. Sen deixar de recoñecerlles que puideran algo de razón, debemos recoñecer que a Igrexa estivo durmida nos loureiros “confiando en Deus”, o que significa case que unha blasfemia, facendo a Deus responsable da situación de degradación á que ela está a chegar se non cambia axiña. 
Porque o cristianismo non é propiamente unha relixión e menos un cúmulo de ritos e cerimonias litúrxicas, senón máis ben un xeito humano de ser e de vivir que abarca a honestidade, a xustiza e a bondade, é dicir, a mensaxe e a obra de Xesús, o nazareno.

QUE PINTAN ACTUALMENTE AS RELIXIÓNS?

Te puede interesar