É PECADO VOTAR AO PP?

En certas capas da sociedade española, nas que aínda se deixa sentir certa influencia da relixión, o sentimento de pecado-culpa continúa pesando subrepticiamente á hora de tomar decisións. Ocorre á hora de emitir o voto naqueles ambientes que vinculan estreitamente “o partido” (o PP) coa relixión católica máis tradicional, non tanto coa Igrexa de Francisco. É o pouso que permanece na conciencia das capas máis humildes e pouco formadas da sociedade, nas que está privando de liberdade ás persoas que se deixan levar –¡como non entenden!– por conselleiros interesados e da súa confianza.
De este sambenito  a sociedade necesita liberarse canto antes poñendo fin a manipulación dos votos, veña esta de onde sexa. O voto debería ser sempre unha decisión totalmente libre e responsable, guiada exclusivamente polo interese do ben común de tódalas persoas. A democracia, que non deixa de ter parecido coa relixión, neste caso laica e guiada pola razón, busca tamén a igualdade e a fraternidade universal.
Porque os cidadáns debemos ter sempre presente que a sociedade que queremos é obra nosa. Está nas nosas mans a posibilidade de transformala cambiando os gobernantes que non cumpran. Para iso existen as eleccións cada catro anos. Os votos teñen valor, serven para algo.
A busca da democracia limpa significa a continuidade no tempo do soño para alcanzar a sociedade igualitaria que ten semellanza cos inicios dos primeiros cristiáns despois da morte do Nazareno. Do mesmo xeito que aconteceu con outro movemento, tan declaradamente ateo como foi o comunismo, pero que no fondo non era máis que unha versión modificada do vello soño relixioso da chegada da fin dos tempos.
En tódolos casos a democracia representa sempre o fío condutor que guía a historia humana, senón á salvación, si á sociedade perfecta. Pero, dicir relixión non sempre significa bondade. Tamén as relixións continúan a ser fontes de conflitos e de maldade. “Corruptio optimi pessima”, non hai cousa máis mala que o bo corrompido. Cando a bondade se perverte e converte en maldade é moito peor que o mal existente. Un exemplo actual témolo no chamado Estado Islámico. Pero tamén nos gobernantes corruptos que rouban os bens públicos de tódolos cidadáns.

É PECADO VOTAR AO PP?

Te puede interesar