A FAMILIA EN CRISE

Para a maioría da xente non é ningunha sorpresa que a familia, que ata hai poucos anos se viña entendendo coma unha institución estable, estea actualmente a atravesar por unha profunda crise de identidade. O chamado vínculo, que significa a indisolubilidade matrimonial, é dicir, unidos ata que a morte os separe, veu perdendo aceleradamente sentido para a maioría das parellas. Pero a Igrexa, que mantén aínda certo peso como referente moral na sociedade, non quixo mover ficha ata que chegou este Papa.
Bastante tarde para atallar o mal, cando entre a maioría da poboación os divorcios e as separacións aparecen onde menos son esperados e sen chamar moito a atención. Agardamos que esta situación non dure demasiado e que vaian aparecendo orientacións novas que devolvan a ansiada estabilidade da unión familiar, tan necesaria para contrarrestar o desencanto no que vive a maioría da poboación. Para conseguilo será preciso asumir algo que vai esixir moita  xenerosidade e capacidade para aceptar e comprender os cambios que se deberán ir producindo.
Será necesario romper con tradicións humillantes nesta cultura machista herdada, principalmente para as mulleres. Certo, o punto de partida será sempre unha parella, unha muller e un home (deixemos hoxe a un lado outras parellas ás que se deberá prestar a mesma atención e que tamén hai que consideralas). E a partires de aí, de unha parella, todo pode, e en casos como o actual, debe ser reformado, por imposible que pareza. Temos que ser conscientes de que a evolución humana, en tódalas ordes da vida, esixe formas novas de entender, de pensar e de comportarse.
Ao papa Francisco preocúpalle moito a situación actual da familia. E Por iso entre os seus proxectos estaba o de preparar algo inédito na Igrexa: Un Sínodo para tratar exclusivamente o tema da familia. Así é que xa comezou coa primeira sesión o ano pasado e vai continuar neste.
A sociedade  na que vivimos é capaz e está alcanzando valores positivos a ter en conta, entre os que cabe destacar a disposición a aceptar as diferentes formas de pensar e de entender, imprescindibles para mellorar a convivencia humana. Xa se está chegando á conclusión de que a forma que temos de comportarnos e a nosa cultura chamada occidental, nin é a única nin quizais a mellor, senón unha máis entre moitas.
Todos neste mundo temos algo de razón e ninguén a ten toda. Neste caso concreto, o problema a resolver en primeira instancia e ao que debemos buscarlle solución, está no vínculo matrimonial. 

A FAMILIA EN CRISE

Te puede interesar