miércoles 30/9/20

Unha nova etapa na que non estaremos todos

Mañá entramos xuntos nunha nova etapa no longo camiño que nos conduce a recuperar unha parte da normalidade perdida. Sufrimos xuntos a fase anterior e xuntos tamén seguimos as normas impostas por unha situación excepcional.

Quero recoñecer os esforzos de todos ata o momento, coa mesma intensidade que debo pedir de novo ás galegas e galegos que manteñan a mesma responsabilidade que nos últimos meses. O sacrificio que fixemos tiña o obxectivo común de coidarnos e coidar aos demais. Sei que ese propósito non cambiou, como tampouco o fixo o risco que supón aínda o coronavirus para a saúde pública.

O perigo segue aí e, por tanto, é importantísimo que se manteñan as medidas de precaución que permanentemente nos lembran as autoridades sanitarias: hixiene de mans, distancia social e, polo menos en espazos públicos pechados, uso da máscara, por suposto de maneira obrigatoria no transporte público.

A cooperación e a colaboración de todos presiden a resposta que Galicia está a dar á crise. Son principios que non admiten ningún tipo de relaxación nesta nova fase, que aínda non sabemos se poderemos transitar en liña recta. É prioritario extremar as precaucións para evitar posibles rebrotes e para minimizalos no caso de que se produzan e iso só é posible se a sociedade segue actuando ao unísono e responsablemente.

Por desgraza non estaremos todos na próxima andaina. Haberá ausencias que a todos nos apenan. Considero que a excepcionalidade que vivimos estes días non pode deixar relegado o tributo ás persoas que nos deixaron vítimas da pandemia.

Os avances que aos poucos se están logrando son tan certos como inútiles para consolarnos polos falecidos. A atención á poboación infectada ou ingresada e as medidas que hai que aplicar día a día, non poden desculpar a necesaria homenaxe a quen nos dixo adeus para sempre.

Galicia tamén é unha familia. Herdamos dos nosos antepasados un sentimento de cohesión social, de fraternidade, que fai que ningún galego sexa alleo para outro galego. De aí que estas perdas sexan sentidas como propias por todos; trátase en suma de familiares que formaban parte da irmandade aberta que significa o noso país. Con eles compartimos momentos felices e desventuras, proxectos, sentimentos, esperanzas e soños, moitos soños.

No caso dos nosos maiores, formaban parte dunha historia vivente imprescindible para entender o que fomos e o que somos. Os seus recordos acompañábannos para que non esquecésemos que a prosperidade lograda entre todos afundía as súas raíces no sufrimento de moitas xeracións pasadas cuxa biografía está chea de privacións. Agora que afrontamos unha crise maiúscula de perfís aínda non do todo coñecidos, as súas experiencias son unha guía e un estímulo inapreciables.

Unha guía porque eles loitaron contra todo tipo de calamidades con menos medios que nós, pero recorrendo a unha invencible cohesión colectiva que os fixo fortes. Nestes días estamos xuntos a pesar do illamento. Estamos sós pero unidos.

O pobo que somos segue existindo pese a que aínda non poidamos encher as rúas e prazas dos nosos pobos e cidades. Procuramos, cada un na medida das súas posibilidades, promover os lazos con veciños e achegados mediante diferentes xestos solidarios reais ou virtuais. Os maiores que se foron seguen vivindo cando os lembramos e emulamos.

O seu legado tamén trae consigo un estímulo para todos aqueles que se vexan tentados pola desesperanza. Os que nos deixaron foron capaces de superar todo tipo de probas. Mozos ou maiores, nunca se renderon e por iso son artífices da nova Galicia que rexurdiu de todas as negras sombras do pasado. Como tal hai que situalos na nosa memoria colectiva, neste mes de loito oficial e sempre.

Esa guía e ese legado fanse igualmente patentes nos responsables públicos obrigados a responder a unha ameaza descoñecida e a unhas consecuencias só parcialmente previsibles. Débenos obrigar, sobre todo, a recoñecer humildemente erros e valorar na súa xusta medida o civismo da poboación, desde os máis pequenos ata os maiores, pasando por todos os profesionais que prestan servizos esenciais, especialmente no ámbito sanitario. Dar primacía á colaboración é unha máxima que debe seguir vixente.

Á espera de que o noso tributo aos falecidos poida ser máis explícito, entendo que o meu deber hoxe é tentar ser portavoz da pena e o agradecemento dos galegos. Teñámolos presentes, sexamos dignos herdeiros do seu exemplo e continuemos o labor que eles non puideron proseguir. Faltan eles no camiño pero podemos sentir o seu alento nestes momentos difíciles. Tamén por eles, coidémonos os uns aos outros como o que somos: unha gran familia.

Unha nova etapa na que non estaremos todos
Comentarios