Desventura do porco bravo

velaquí unha singular adiviña: Era pingüín que pingaba e veu funguín que fungaba a comer a pingüín que pingaba e logo tamén veu rapín que rapaba e comeu a funguín que fungaba. No é nada doado saber que falamos dun feixe de castañas, dun xabaril e dun lobo; ou si, vai ti a saber da habilidade á hora de ver un símbolo do ecosistema natural. Porén, o lobo como depredador non dá conta da tarefa de manter o equilibrio na poboación da familia do porco bravo que fai das súas nos cultivos e prados do rural galego e mesmo chega xa ás cidades á procura de alimento.
Por iso, voces sensíbeis á conservación da natureza ou militantes do ecoloxismo veñen de promover unha “Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre” para demandar dos poderes públicos que se promovan estudos científicos sobre o fenómeno da problemática derivada do achegamento do devandito animal, o cocho bravo, ás vilas e cidades e que se dea prioridade ás medidas non cruentas encol desta fauna ou que se incida na concienciación social; para alén da alternativa de promover batidas de caza, mesmo nocturna, na liña do exterminio con extensa matanza. Porque “a presenza puntual de fauna silvestre, caso do xabaril, nos ámbitos urbanos non debe ser motivo de alarma ao entrar dentro da normalidade dunha contorna rural”.
Este porco montés ou porco fero, familiar precursor do porco doméstico, habita normalmente en zonas boscosas de matogueira densa ou en brañas e áreas asolagadas, con amplitude territorial sen límite que mesmo pode chegar á beira do mar. Mito ou lenda, sabemos da súa querenza polas ameixas de Carril que dá boa conta do variado da súa alimentación, entre elementos vexetais e tamén de pequenos seres vivos que son causa de que deixen estragadas zonas de cultivo e praderías nas que fozan á procura de vermes. Dano que se incrementa pola súa condición de animais gregarios que viven en mandas familiares arredor dunha femia que é acompañada polas crías e exemplares xuvenís de partos anteriores.
Ese comportamento rebuldeiro que mesmo lévaos a emparentar co porco vietnamita nun híbrido que chamamos “porcoril”, é símbolo dun insuperábel programa televisivo, o Xabarín Club, que forxou a varias xeracións perante un cuarto de século de sonada emisión, arredor dunha icona que fusiona o mellor da vangarda cultural galega coas tendencias mundiais. Fauna necesaria.

Desventura do porco bravo

Te puede interesar