A gaiola invisíbel
Hai reflexións que parecen afastadas da realidade ata que descubrimos que forman parte dela. En Galiza, mentres consultamos o móbil para ver o tempo, buscamos información sobre unha axuda pública, mercamos por internet ou seguimos a actualidade nas redes sociais, participamos dun ecosistema dixital que condiciona cada vez máis a nosa maneira de vivir, comunicarnos e decidir.
Vivimos tempos nos que liberdade e control avanzan á par. Nunca tivemos tantas ferramentas de información e comunicación, nin foi tan doado opinar, crear un proxecto ou conectar con persoas de calquera parte do mundo. Mais tampouco existiron sistemas tan sofisticados para observar hábitos, recompilar datos, anticipar comportamentos e orientar decisións colectivas.
A cuestión de fondo non é tecnolóxica, senón profundamente social e tamén política. Non mudan só os instrumentos que utilizamos, senón a propia arquitectura do poder. Durante décadas demos por feito que as institucións públicas establecían as regras do xogo, garantían dereitos e equilibraban intereses contrapostos. Hoxe, porén, unha parte crecente desa influencia concéntrase en estruturas tecnolóxicas globais que operan a unha escala moi superior á dos países soberanos.
Para unha sociedade como a galega, de forte tradición comunitaria e cunha historia marcada pola defensa dos espazos propios de decisión, esta transformación merece reflexión. O problema non é a innovación nin o progreso tecnolóxico. Necesitamos tecnoloxía para modernizar sectores estratéxicos, fortalecer os servizos públicos ou evitar novas dependencias económicas. A cuestión é quen controla esas ferramentas e mediante que mecanismos de supervisión democrática.
Ao mesmo tempo, a intelixencia artificial introduce unha mudanza profunda no mundo do traballo contemporáneo máis inmediato. Durante xeracións, traballar foi máis que obter un salario: unhaforma de participación social, identidade persoal e integración comunitaria. A automatización crecente de tarefas cognitivas e administrativas abre interrogantes sobre o papel do emprego no futuro e sobre como se distribuirán as oportunidades nun contexto cada vez máis dixitalizado.
Existe ademais un aspecto menos visible, mais igualmente decisivo no presente. Os datos convertéronse nun recurso tan valioso como foron noutrora a terra, a industria ou a enerxía. A información sobre os nosos hábitos, preferencias e relacións é unha fonte de poder extraordinaria. Quen a controla posúe tamén unha crecente capacidade para influír na realidade social.
Por iso resulta acaída a imaxe da gaiola invisible. Non se constrúe con barrotes nin limita explicitamente os movementos. Funciona mediante a comodidade, a individualización e a aparente liberdade. É unha gaiola que non impón; suxire. Non obriga; orienta. Non castiga; condiciona.
O reto para os sistemas democráticos consiste en evitar que a cidadanía pase de ser protagonista a converterse nun simple dato dentro dun sistema cada vez máis complexo e opaco. O futuro non dependerá só da capacidade das máquinas para aprender, senón da capacidade das persoas para conservar o control soberano sobre as decisións que organizan a vida colectiva. Porque toda sociedade que deixa de gobernar ás ferramentas que crea corre o risco de acabargobernada por elas. Por iso, as gaiolas máis difíciles de romper adoitan ser precisamente aquelas que non se ven. A liberdade dixital esvaece cando o poder decide sen nós. Peor, contra de nós.
