E non me toques naquela cousa…
Lendo o artigo de Luís Pousa publicado o mércores en El Ideal Gallego podríamos pensar que o calor extremo vivido nos últimos días puido afectar ás súas capacidades mentais. Pero desde o sofocante sábado do que fala ata onte, tivemos xa un par de días de fresco como para achacar a falta de rigor xornalístico ás altas temperaturas.
En calquera caso, debía ter moitas ganas de refrescarse porque preparou un combinado moi moi frío, cargado de odio, manipulación, negacionismo histórico, datos falsos… e nin unha gota de profesionalidade, por suposto. Méritos máis que suficientes para recibir algún premio xornalístico deses que se concenden aos lacaios do poder.
O abominable relato de Pousa mestura as súas ventosidades ideolóxicas coas declaracións de Guillermo Cabrera Infante, recoñecido inimigo do pobo cubano e da revolución. Algo así como se para falar do xenocidio en Gaza utilizásemos as palabras de Benjamin Netanyahu.
Soprende tamén que un home como Pousa faga unha revisión histórica tan mentireira dunha figura como a de Ernesto Che Guevara. Calificar como “perdedor” ou “fracasista” a un home que triunfou na revolución cubana e que conduciu á independencia ao Congo ou Angola demostra o afán manipulador de quen escribe; igual que tampouco é correcto afirmar que acabou “muerto por los que venían a salvar”, cando foi asesinado pola CIA.
Mal que lle pese a Pousa, o Che é un símbolo para millóns de persoas en todo o mundo, que non pasará nunca de moda, porque os valores e as ideas, a diferenza dos artigos de consumo, non caducan. O Che vive e vivirá sempre, por moitos Pousas que pretenden reescribir a historia.
Unha historia que tamén perdurará no tempo en Oleiros señor Pousa; onde a través da figura deste heroico guerrilleiro rendemos homenaxe á cooperación internacional e a todas as persoas que no mundo loitan e dan a súa vida polas persoas pobres e os países sometidos ao imperialismo. Ningunha “bofetada á burguesía coruñesa” señor Pousa, unha obra de arte do escultor Juan Quintanilla, da Escola de Arte Nacional Cubana, donada gratuitamente ao Concello de Oleiros.
E outra cousa señor Pousa, viríalle ben coller un pouquiño máis o seu “modesto utilitario” para desprazarse a Oleiros e informarse de cal é a realidade do noso municipio. Para simplificar e reducir Oleiros a “urbanizaciones de lujo” e “coches de alta gama” xa están a revista Hola ou o canal de televisión Cuatro, entre moitos outros. Só lle faltou citar a Richard Gere para entrar nese elenco de intoxicadores. E por certo, o único “enjambre” que nos atrapa en Oleiros é o dos inmensos espazos e servizos públicos, que por desgraza non abundan en moitos outros territorios.
Parafraseando ao propio Pousa poderíamos concluír que o naufraxio do xornalismo condénsase nese último descenso aos infernos do informador. Vostede di da gloria á glorieta, nós dicímoslle do Ideal ao fatal.
