Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Calor desbocada, inferno climático, abafamento extremo, canícula interminábel, atmosfera en chamas. Son expresións que se escoitan estes días en Galiza e no resto de Europa para describir unha realidade que xa non é unha anomalía estival, senón a nova condición ambiental dun continente que se quenta a unha velocidade sen precedentes. A onda de calor que estamos a soportar non é un episodio illado nin unha coincidencia meteorolóxica desafortunada. Derradeira chamada de atención dun planeta que avanza cara a un estado térmico moi perigoso, límite e fatal.

Europa, centro e norte, vive temperaturas que superan marcas históricas. En áreas tradicionalmente afastadas dos extremos térmicos do sur, rexístranse máximas propias de latitudes moito máis cálidas, mentres algunhas cidades comproban como o asfalto defórmase e as infraestruturas urbanas comezan a fallar ante unha calor para o que nunca foron deseñadas. A humidade elevada multiplica o estrés térmico e converte a sensación ambiental nun risco para a saúde pública. En Galiza, malia a tradición climática máis temperada, o impacto tamén se intensifica: noites tropicais, mínimas que non permiten o descanso e unha poboación exposta a condicións que afectan directamente ao sistema cardiovascular, á respiración e á capacidade de termorregulación.

Este fenómeno non é só físico. É político, económico e social. A incapacidade das poboacións urbanas europeas e galegas,  para adaptarse a esta nova realidade revela décadas de planificación centrada no frío, na chuvia e na xestión das inundacións. Agora cómpre repensar materiais, deseños urbanos, zonas verdes, sombras e refuxios climáticos que garantan protección real e continuada para toda a cidadanía, sen excepcións, especialmente para os colectivos máis vulnerábeis.

Neste contexto emerxe unha das iniciativas máis significativas da última década: as chamadas Avoas do Clima. Un colectivo de mulleres maiores suízas que decidiu levar aos tribunais a inacción dos seus gobernos fronte á crise climática. O TEDH deulles a razón e ditou unha sentenza histórica que obriga os Estados a protexer a poboación fronte ao aumento das temperaturas. Esta resolución non foi só un triunfo xurídico. É unha advertencia moral e política. A crise climática non é unha abstracción científica, senón unha ameaza directa ao dereito fundamental á saúde e á vida digna.

A humanidade enfróntase a un proceso acelerado de involución climática que xa non pode ser detido, só mitigado. Cada onda de calor é un recordatorio do que está en xogo. A responsabilidade colectiva consiste en mobilizar á sociedade para exercer presión sobre institucións, industria, empresas e gobernos. Non abonda con sobrevivir a esta canícula. Cómpre

evitar que, cando chegue a seguinte, volvamos esquecer o esencial: o quecemento imparábel da Terra e a obriga ética e vital de facer todo o que estea nas nosas mans para minimizar o seu impacto inevitábel.

O estrés térmico é o síntoma. A acción política, económica e industrial é o tratamento. A memoria social será a única defensa contra o esquecemento que tantas veces segue aos episodios extremos. O futuro depende da capacidade de reaccionar agora. Se non se toman xa iniciativas contundentes, a calor deixará de ser unha advertencia para converterse nunha ameaza permanente: máis enfermidade, máis desigualdade, máis mortes evitábeis e unha vida cada vez máis difícil de soster.