Dignidade
Efectivamente, os homes non son todos iguais, as mulleres tampouco e os lectores deste xornal, afortunadamente, tamén teñen cada un de vostedes o seu pensamento, a súa interpretación do acontecido e a súa visión sobre a proximidade do horizonte, aínda que saben (e sabemos) que o horizonte non se pode agarrar coas mans. Esváese ou escápase entre os dedos e vai parar ao lonxe, onde non chega a imaxinación.
Os reformatorios, os campos de concentración ou de refuxiados, os centros de trata de persoas ou de traballos forzados, os cárceres e as casas ou lugares de prostitución, atacan á dignidade da xente e fan de menos aos que menos posibilidades teñen de librarse das situacións degradantes. Aqueles que perseguen unha sociedade xusta, deben procurar espazos con garantías de respecto á liberdade e á dignidade de cada persoa.
Ramiro, da casa da Fonteseca, foi correndo ao concello e, do concello, ao edificio dos Servizos Sociais da contorna. Alí mandárono ir á Deputación e ao chegar, xa coa porta nos fociños, o porteiro indicoulle, con voz serena, aínda que autoritaria, que “non perda o tempo, consulte o horario en internet e, se lle vén ao caso, volva mañá”.
-Mañá! Mañá… Outra vez co “volva mañá”. Ramiro non era capaz de asimilar tanto despropósito. Internet! Volva mañá! Cita previa e aviso ao teléfono! De quen serán estas ideas avanzadas que nos deixan sempre na estacada?
E alá foi, mañá, pola mañanciña, cando aporta aínda estaba cerrada. O mesmo porteiro de onte chegou co tempo xusto, pero antes de abrir, ou xa coa porta entreaberta, mirou para o home e díxolle que non era naquel edificio, que tiña que ir a outro lugar e solicitar unha residencia, “a vostede correspóndelle unha das máis dignas e máis baratas”.
Ramiro retornou para a súa casa. Polo camiño ía falando só: “A miña dignidade lévame de volta para onde teño as ovellas e o cadelo”. El e os seus sabían que se falamos dunha persoa ou dun pobo con dignidade estamos referíndonos a unha persoa ou a un pobo respectables e coa integridade dos grandes seres humanos e dos seus grandes pobos, dispostos a manterse ergueitos contra das inxustizas e das indignidades propias dos nugalláns, egoístas e hedonistas. A Tía Manuela, como José Saramago, asevera que “a dignidade non ten prezo”.
