Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Nas páxinas dos xornais e nas redes sociais Galiza aparece con frecuencia como un territorio en efervescencia cívica. Hai comisións que se mobilizan, colectivos que denuncian, campañas que acadan visibilidade. A imaxe é viva e necesaria. Mais se baixamos do plano informativo e contamos persoas, horas e continuidade, aflora outra realidade: a participación cuantitativa descendeu. Non se trata de negar as iniciativas —por sorte son moitas e valiosas— senón de entender que a súa visibilidade non sempre coincide coa capacidade de implicación sostida da poboación.

A xente non deixou de importar polo común; está, por veces, esgotada. A precariedade laboral, os horarios fragmentados, a sobrecarga de coidados e a presión por compatibilizar traballo e familia deixan pouco espazo para o compromiso colectivo. Participar esixe tempo, enerxía e continuidade. Sen esas condicións, mesmo as persoas con vontade atopan difícil manter proxectos a medio prazo.

Hai tamén un cambio de ciclo histórico. As formas tradicionais de participación —asociacións veciñais, comisións de festas, causas sociais— perderon relevo xeracional. Moitos dos seus motores eran persoas que dedicaban tempo libre e que agora non teñen substitutos. No rural, o éxodo e o envellecemento dilúen redes que antes eran densas; nas cidades, a mobilidade e o turismo fragmentan veciñanzas. O resultado é unha proliferación de iniciativas puntuais, intensas e visibles, pero con base social estreita: accións valiosas, pero incapaces de sosterse no tempo.

A cobertura informativa tende a amplificar o que é novo. Iso crea a sensación de que a participación vive nunha axitación permanente. O problema é que esa aparencia de intensidade non sempre se traduce en masa crítica nin en presenza continuada. Unha manifestación con centos de persoas pode ser noticia; unha comisión que traballa meses con dúas ducias de veciños raramente o é, e con todo é esa comisión a que, a longo prazo, cambia cousas e fortalece vínculos duradeiros. A discrepancia entre visibilidade e escala alimenta dúbidas sobre a saúde real do tecido cívico.

Non hai receitas máxicas, pero si medidas prácticas que poden axudar a reverter a tendencia. Cómpre recoñecer o valor do tempo cívico, facilitando compatibilidades laborais, ofrecendo apoios para o coidado e asumindo o traballo voluntario como parte da vida pública. Ao mesmo tempo, resulta necesario fortalecer canles estables de participación e deliberación, con centros cívicos de programación continuada, orzamentos participativos con seguimento real e consellos de barrio con capacidade efectiva de intervención. Todo isto debería ir acompañado dun maior coidado das organizacións locais, apoiando o relevo xeracional e simplificando trámites que hoxe as asfixian.

A tecnoloxía pode ser unha aliada, pero non substitúe o encontro presencial nin a confianza que nace do trato continuado. A participación cobra forza cando produce efectos visibles, cando é coidada e cando se percibe como útil. Asumir que vivimos un tempo distinto, no que a implicación colectiva se fai máis fragmentaria e esixente, é unha condición necesaria para entender o presente.

O desafío pasa por crear condicións para unha implicación sostida, habitable e máis acorde coas vidas de hoxe en día. Se queremos comprender onde estamos e que posibilidades temos por diante, cómpre mirar de fronte esa transformación: vela, precisamente, como parte do ciclo participativo.