Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

O Primeiro de Maio continúa a ser unha das datas máis significativas na reivindicación social. A súa orixe, ligada ás loitas pola xornada de oito horas e á afirmación dunha dignidade laboral negada durante décadas, converteuno nun espazo de memoria colectiva que atravesou o século XX como unha pedagoxía cívica permanente. Cada conmemoración recorda que os dereitos non xorden de maneira espontánea: fórmanse na fricción social, na organización e na capacidade de transformar a experiencia compartida en conciencia política. Por iso, esta data icónica, non é só unha efeméride sindical, senón un dispositivo simbólico que permite interpretar o pasado e avaliar o presente.

Ao longo do tempo, esta conmemoración foi mudando de significado segundo os contextos históricos. En períodos de crise, como nas reconversións industriais ou nas recesións globais, adquiriu unha tonalidade máis defensiva e converteuse nun barómetro da capacidade organizativa da clase traballadora e da fortaleza dos sistemas de protección social. Mesmo nos ciclos de crecemento económico, o Primeiro de Maio lembrou que o progreso material non garante por si só a xustiza social, precisa de mobilización activa da cidadanía para consolidar conquistas e dereitos.

O presente sitúanos nun escenario complexo. En Galiza, no territorio europeo e no mundo industrializado, a precariedade estrutural converteuse nunha condición transversal que afecta tanto á mocidade como a sectores tradicionalmente estables. A temporalidade, os salarios que non cobren o custo da vida e a inseguridade contractual forman parte dun ecosistema laboral marcado pola fractura. Aquí, no noso país, esta realidade exprésase con forza en actividades como a hostalaría, o comercio, a loxística ou servizos desprazados a terceiros, onde a rotación permanente erosiona calquera expectativa de estabilidade. As desigualdades territoriais, a dependencia enerxética e o encarecemento da vivenda engaden capas de vulnerabilidade ás economías familiares, mentres se exerce presión coas baixas no canto de reforzar o sistema sanitario.

A vida social converteuse nunha fronte de inxustiza. O acceso á vivenda está asfixiado por prezos que superan con moito a capacidade salarial media, especialmente nas áreas urbanas e costeiras. A alimentación sofre o impacto da concentración empresarial e da especulación, que elevan o custo da cesta básica. Os combustíbeis e a enerxía condicionan a mobilidade laboral e o funcionamento das pequenas empresas, mentres a carestía xeral reduce o poder adquisitivo e amplía a fenda entre quen pode absorber os incrementos de prezo e quen queda atrapado nunha espiral de renuncias.

A isto súmanse ameazas de futuro que xa están configurando o mundo do traballo. A automatización e o desenvolvemento tecnolóxico reordenan cadeas produtivas enteiras, mentres a que chamamos intelixencia artificial redefine tarefas e competencias. A transición ecolóxica esixe reconversións industriais profundas, ao tempo que o quentamento global altera sectores como o primario ou o turismo. As migracións masivas, consecuencia de conflitos, desigualdades e crises climáticas, introducen novos desafíos para a cohesión social e para a percepción pública da alteridade.

Velaí, este  Primeiro de Maio asume a súa función: mobilizar a clase traballadora para defender a igualdade real, dereitos laborais efectivos e condicións que eliminen a precariedade estrutural. Conquistar salarios xustos e suficientes para sosteren a vida cotiá, asegurar o acceso a unha vivenda digna e preservar a dignidade que nace do traballo recoñecido e protexido. Asegurar futuro.