Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mentres o Festival dos Faroliños debuxa no horizonte o remate das celebracións do Aninovo chinés, a simboloxía deste seu novo Ano do Cabalo de Lume comeza a despregar a súa carga semántica máis alá do mero folclore. Na cosmovisión oriental, lonxe de reducirse a un exotismo de calendario para consumo turista, esta figura mitolóxica encarna unha combinación de forza, movemento e, sobre todo, disciplina e dirección colectiva. O lume non aparece aquí como un elemento caótico, senón como o axente necesario para a renovación e a ruptura co inmobilismo, unha intensidade que en Occidente se adoita a confundir con agresividade cando en realidade responde a unha visión do tempo onde o cambio non se improvisa, senón que se planifica e se asume socialmente. Non se trata dun simple ritual, senón da ratificación dun modelo onde a velocidade do galope está sempre sometida ao control da brida estatal, impulsando á sociedade cara a retos comúns que requiren algo máis que a suma de individualidades dispersas. É un modelo e un sistema que busca eficiencia.

Dende a perspectiva galega, a curiosidade actual cara ao xigante asiático mudou, despoxándose de prexuízos ideolóxicos para centrarse nunha comparación práctica e, por momentos, dolorosa. Observamos con certa envexa técnica a un país capaz de transformar a súa estrutura produtiva e reducir a pobreza masiva en poucas décadas, mentres nesta vella Europa a burocracia converte a execución da obra pública nunha elexía á lentitude. A percepción dende aquí (acostumados como estamos a que nos garden as decisións en caixóns alleos) céntrase neses resultados tanxibles: un proxecto colectivo onde o Estado actúa como garante de dereitos básicos como a vivenda ou o transporte, integrados nunha estratexia de cohesión. A gran herexía para o dogma neoliberal non é que China elimine o mercado, senón que o subordina a obxectivos colectivos, demostrando que a man invisible ten tendencia á artrose se non hai un cerebro político que a guíe. Velaí a diferencia.

No terreo do tan cacarexado futuro verde e dixital, a estratexia do Dragón (agora transmutado por tempo limitado en Cabalo) deixa en evidencia as nosas febles retóricas. A transición cara ás enerxías renovables e a mobilidade eléctrica non se presentan alí como opcións estéticas, senón como políticas concretas con recursos inxentes, reforzando a súa posición global mentres que, por estes lares dos que formamos parte a cidadanía galega, seguimos atrapados nas dinámicas financeiras do curto prazo. Para nós, incorporar a lección deste modelo non implica caer na idealización nin na copia sen crítica, senón entender que o desenvolvemento real require fuxir da dependencia de receitas esgotadas. A mensaxe do Cabalo de Lume é clara: avanzar require forza e vontade, pero sobre todo pide recuperar a capacidade de planificar e dar prioridade ao común, pois o futuro non pode ser unha carreira individual sen rumbo, senón unha tarefa compartida. Porque un país sen rendas nin xinete non é un cabalo libre, senón simple forraxe na historia escrita polos outros. E nesa crónica, por desgraza, nós só somos nota ao pé. Tempo é de mudar o noso papel.