O guión das sombras
A chamada “Ilustración Escura” presume de ser unha corrente filosófica e política destinada a poñer orde no caos democrático. O seu credo é tan sinxelo como inquietante: se a Ilustración clásica confiaba na razón e na emancipación, esta versión nocturna aposta pola obediencia e pola servidume. Argumentan que as democracias son demasiado lentas, cheas de voces discordantes, dependentes de consensos que, segundo eles, só entorpecen o progreso. A solución que propoñen é substituír os parlamentos por consellos de administración e os cidadáns por man de obra dócil, convenientemente disciplinada para servir ás elites. A política como sucursal das multinacionais.
Non é casual que esta visión se vexa reforzada pola recente manifestación do Presidente americano sobre o futuro europeo. O discurso, envolto en eufemismos, soa máis a manual de empresa que a declaración ética. Europa aparece descrita como un mercado en apuros, necesitado de capital, tecnoloxía e dirección externa. A mensaxe implícita é clara: se non se pode competir, mellor aceptar a tutela. O pensamento escuro sorrí porque ve confirmada a súa tese de que os consensos democráticos están a ser substituídos por intereses empresariais. As ideas non son un mercado, porén alguén decidiu que si, e que se poden comprar e vender como accións nunha bolsa global.
A debilidade da política europea é tan evidente que case dá pena describila. Mentres se proclama a defensa da soberanía, a realidade é unha dependencia crecente de potencias comerciais, industriais e tecnolóxicas foráneas. Europa consome produtos, tecnoloxías e discursos importados, e responde con burocracia e indecisión ou gasto militar obsceno. A súa falta de resposta é un síntoma de anemia política, unha incapacidade para articular un proxecto propio. O proxecto escuro aproveita esta parálise para insinuar que a democracia é un luxo obsoleto, que o futuro pertence ás corporacións e que o traballo servil para elites é a única saída viable. O sarcasmo é que se presenta como estratexia racional, cando en realidade é unha rendición disfrazada de modernidade oficial.
Europa enfróntase a unha encrucillada que desprotexe ás persoas, á vida e ao futuro. O dilema non é só económico, senón existencial: aceptar ser un apéndice das grandes potencias ou mudar a unha democracia que non se deixe colonizar por intereses mercantís. O resultado é un continente convertido en parque temático para elites, onde os habitantes son figurantes mal pagados nun espectáculo que non escribiron nin dirixen. A ironía é considerar racionalidade a esta obediencia.
Agora, a “longa noite de pedra” é metáfora que volve con forza ao xeito dunha “negra sombra” que quere ancorarse no corazón da política e da sociedade. É non será só Europa quen sexa sometida, senón tamén as comunidades nacionais —como a galega— que defenden a súa existencia. Porque a historia nunca se pecha definitivamente: as sombras agardan sempre o momento oportuno para escribir de novo o seu papel; e, abofé, é aí onde se revela con toda crueza o guión das sombras.
