Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Nun tempo marcado pola precariedade, a sobre información e a incerteza global, emerxe con forza un fenómeno social que merece atención crítica: a mudanza da realidade (iso que os ingleses chaman reality shifting). Esta práctica, que consiste en construír e habitar mentalmente mundos paralelos inspirados en ficcións populares, está a consolidarse como vía de escape, moito máis entre a mocidade, especialmente durante e despois da pandemia. Non se trata dun xogo inocente, senón dunha resposta colectiva a un malestar profundo que interpela á sociedade no seu conxunto. 

A mudanza da realidade non é só unha moda viral. É síntoma dunha xeración que vive atrapada entre pantallas, algoritmos e promesas incumpridas. A técnica mestura autosuxestión, meditación e imaxinación para “desprazarse” a universos alternativos. A habitación convértese en cápsula de fuga, e a pantalla, en portal cara a mundos onde a dor, a pobreza ou a discriminación non existen. Esta evasión, lonxe de ser anecdótica, revela unha fractura entre o mundo real e o desexado.

Desde a socioloxía, autores como Zygmunt Bauman xa advertían da liquidez das relacións e da inseguridade vital como caldo de cultivo para a evasión. A teoría da simulación de Jean Baudrillard tamén resulta pertinente: vivimos nunha realidade amplificada onde os signos e as imaxes substitúen aos feitos, e a verdade é cada vez máis difusa. Neste contexto, a mudanza da realidade aparece como unha forma de resistencia simbólica, pero tamén como risco de alienación.

A cultura dixital, co seu bombardeo constante de contidos, facilita esta fuxida. As plataformas ofrecen mundos perfectamente deseñados, con narrativas pechadas e personaxes idealizados. A mocidade, e tamén os que xa non son tan novos en idade, sen espazos reais de participación ou seguridade, refúxiase neses escenarios como quen busca abrigo nun inverno emocional. A evasión convértese en terapia, pero tamén en síntoma dunha sociedade que non sabe acoller nin coidar.

Cómpre preguntarse que papel xogan as institucións educativas, os medios e as políticas públicas ante este fenómeno. A falta de recursos para a saúde mental, a ausencia de referentes reais e a banalización da fantasía como única saída están a crear unha tendencia patolóxica que representa vivir entre dous mundos: o que sofre e o que imaxina. E aí reside o perigo, aínda que sexa razoable.

Aquí no ámbito territorial galego, e tamén no resto do planeta, a construción de mundos alternativos, por moi sedutora que sexa, non pode converterse nunha rutina que substitúa o compromiso coa realidade. Estes universos ficticios, que funcionan como espello defórmante, reflicten o que non funciona, o que doe, o que falta. E obrigan a preguntarse que tipo de sociedade estamos a tecer, se o único xeito de soportala é abandonala mentalmente. Porque a transformación que realmente importa non é a que nos afasta do mundo, senón a que nos permite reformulalo desde dentro.