Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A Facultade de Filosofía da USC acolleu a semana pasada a presentación de ‘Andares’, o novo libro do xornalista e escritor Luis Celeiro. Non foi un escenario escollido ao azar, Celeiro dirixeu a Comunicación desta institución e regresou a ela cunha obra que condensa mais dunha década da súa vida dedicada a observar, comprender e contar anacos de Galicia.

Andares reúne unha ampla escolma de artigos publicados na prensa galega nos últimos dez anos agrupados en nove grandes apartados que abordan temas sociais e culturais, cintíficos, económicos e medioambientais, urbanos e rurais, e tamén lembra con afecto a varios persoeiros galegos.

Máis ca unha recompilación xornalística, o libro é un retrato lúcido, cálido e fondamente humano de Galicia. Nel entrelázanse reflexión, memoria e retranca; o pulso da actualidade e a pegada da vida galega que Celeiro coñece polo miudo. En todos sobresale unha ollada próxima e comprometida cos problemas e inquedanzas de Galicia que relata cun estilo claro e amable no que combina o rigor do xornalista coa tenrura do paisano que observa o mundo –o seu mundo– con calma, buscando sempre a verdade, e reflexando as grandezas, as miserias e tamén a beleza que hai no cotián, na realidade prosaica.

Porque este samonense encarna como poucos a figura do paisano ilustrado: agudo e retranqueiro, cordial, xeneroso e observador, un home fondamente enraizado na súa terra, pero coa amplitude de pensamento que dan os saberes e a experiencia. Ademais do seu labor na Universidade de Santiago, participou activamente, acompañando a Portomeñe, no nacemento do Xacobeo e no renacer do Camiño de Santiago, ó que consagrou moitos dos seus esforzos, entregou os seus afectos e ó que dedica unha chea de artigos en ‘Andares’. Por algo é tamén o biógrafo de Elías Valiña, o crego visionario do Cebreiro que pintou as primeiras frechas amarelas e devolveu ao Camiño o seu sentido universal.

Nos artigos non falta nunca a Tía Manuela, o seu alter ego literario, a voz da sabedoría popular e contrapunto perfecto das súas reflexións. Ela pon sempre o broche final con sentenzas tan breves como certeiras. Nun dos textos dedicados á chuvia, compañeira habitual na vida galega, tras comentar que as predicións dos expertos “sempre acertan”, intervén a Tía Manuela, que lera a Celso Emilio Ferreiro, para deixar unha verdade incontestable: “Onde sempre chove sen parar, e cada vez máis, é na casa do pobre”. Esa frase resume a sensibilidade e o compromiso que percorren ‘Andares’: a atención de Celeiro á Galicia máis humilde, á que loita a diario, á que traballa e resiste baixo o orballo con dignidade e humor.

‘Andares’ ofrece un testemuño íntimo e profundo sobre o que somos. Os seus textos, coma as etapas do Camiño, deixan pegada no lector, porque Celeiro non só escribe sobre Galicia, segue facendo o seu camiño vital por ela.

Os textos, coma as etapas do Camiño, deixan pegada no lector, porque Celeiro non só escribe sobre Galicia, segue facendo o seu camiño vital por ela